A actriz Luisa Merelas anima a Padrón a ter unha obra de teatro no día do premio Maruxa Villanueva

U.L.

SANTIAGO

18 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A actriz Luisa Merelas deixou onte por un momento o escenario para ir ao Concello de Padrón a recoller a estatuíña en bronce e o talón de 1.200 euros que a acreditan como gañadora do sétimo Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, nun acto que reuniu menos público do que lle gustaría ao goberno local. Pero antes da entrega, o concelleiro de Cultura deulles sendos vales por material escolar aos dous únicos escolares do concello que participaron no concurso convocado para o cartel de Pascua.

Foi precisamente o edil Eloy Rodríguez o que abriu as intervencións para desvelar que a idea do novo goberno de Padrón pasa por levar á vila unha representación teatral coincidindo co día de entrega do premio Maruxa Villanueva. Este ano non puido ser por «falta de dispoñibilidade económica», segundo dixo, e tamén «de falla de apoio por parte da Xunta», engadiu. Tras as breves palabras do alcalde, Camilo Forján, quen dixo que o premio vai ir a máis, a galardoada recoñeceu que non coñecía o certame pero que, para ela, fora unha «sorpresa total» ser a vencedora e tamén un «orgullo».

Luisa Merelas destacou especialmente que o premio leve o nome dunha muller, ao igual que sucede co outro certame do ámbito teatral, o María Casares. A actriz animou ao goberno padronés a que faga realidade a idea de celebrar unha representación teatral o mesmo día da entrega do premio xa que, segundo dixo, é unha «pena» ter un certame de teatro e non ter unha función. De feito, ela «non recorda facer teatro en Padrón».