«Teño un estilo de jazz, e co que máis me divirto é cantando música negra»

Ana Cabanas

SANTIAGO

A cantautora compostelá Loli Nogueira estreouse como solista o pasado xoves nun concerto no ?Centro Sociocultural do Ensanche. Acompañada polo guitarrista Leo Giannetto, interveu no programa de novos cantantes Revelando voces.

-¿Que tal a súa experiencia como solista?

-Moi ben. A xente quedou moi contenta. Gozou o público e gocei eu. O 8 de maio volverei a repetir a experiencia, pero aínda non sei en que centro sociocultural da cidade. Espero que a acollida sexa tan boa como a do Ensanche.

-¿Que tipo de música lle gusta interpretar?

-O que me gusta é cantar en inglés música de soul. Teño un estilo de jazz, co que máis me divirto é cantando música negra. No concerto tamén fago versións de Fuxan os Ventos, de Fía na Roca, de Aretha Franklin e do coñecido tema de Negra sombra.

-¿Está a música galega nun bo momento?

-Si. Nos últimos anos houbo un auxe. Agora os principiantes temos máis oportunidades, hai moitos festivais, concursos. Eu son optimista e creo que estamos mellorando a oferta en Santiago.

-¿Como é a vida dun músico en Compostela?

-Moi boa. Hai que ter en conta que a cidade é pequena e iso ten uns límites. A verdade é que estou namorada da cidade, agora vivo en Brión pero quero volver ás rúas santiaguesas.