Lograron o seu obxectivo de reclamar a atención dos transeúntes á súa arte en acción. Arredor das once da mañá, dúas mozas vestidas de negro, caladas, solemnes e movéndose como se dun ritual se tratara, empezaron a despregar ás portas da sede da Fundación Caixa Galicia unhas teas brancas escrupulosamente dobradas, como sabas, e fóronas colocando unha a unha nunha pila que remataron cunha capa de metal. Eran capas da memoria, sutís e silenciosas, fundidas e apreixadas no tempo.
As autoras son Marta Fariña Rodríguez e Marta López López, integrantes do grupo MMM. A obra titulárona Deshaceryhacer. Comolímitedeltiempo . Chovía, pero seguiron inmutables, despois de rexeitar un chuvasqueiro, colocando as 500 pezas de lenzo de 135 por 180, medidas convencionais dunha cama, investindo na acción arredor de oito horas. No chan víanse repartidas pezas de chatarra sen aparente relación coa obra en marcha. Eran de Ana Gesto, alumna como as anteriores de último curso da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ela foi quen explicou que foron convidadas polos profesores a tomar parte nesta experiencia inspirándose na obra de Kounellis que se expón da sede de Fundación Caixa Galicia. Por iso as performances foron creadas ás súas portas, co resultado de que moitas persoas, e de maneira singular varios grupos organizados de alumnos de secundaria, entraron a ver a mostra para entender mellor o que sucedía na rúa. Era un dos obxectivos, sacar a arte a rúa.
A performance de Ana Gesto, Manto nocturno , empezouse a desenvolver ás sete do serán. Ela traballa arredor da identidade, e partiu das obras de Kounellis con restos industriais. Apareceu na rúa envolta nun abrigo feito co material de somieres (en referencia á arquitectura de reciclaxe do rural galego, segundo explicou), cuns zocos de madeira e un saco de terra na man. Colectou os restos que estaban no chan e rematou desprendéndose de todo, deitouse sobre un cadrado que formou coa terra cuberta coa manta de arames.