Percorrer de xeito virtual os principais recursos turísticos cos que conta a comarca de Barbanza ao tempo que se participa nun xogo informático será posible a finais do vindeiro ano. Para entón está previsto que dea os seus froitos o proxecto Travel in Europe, no que está a participar a mancomunidade Arousa Norte en representación de todo o territorio español. Do que se trata é de colgar na Rede un xogo en tres dimensións que comezará cun mapa de Europa no que aparecerán identificados os destinos que o internauta poderá visitar, é dicir, os quince países que se sumaron ao proxecto. Dentro de cada lugar, o usuario terá a posibilidade de reconstruír aquelas zonas de interese turístico.
No caso de Arousa Norte, os alcaldes decidiron incluír cinco recursos, por considerar que son os piares nos que debe fundamentarse a consolidación de Barbanza como destino turístico, o parque natural do complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán en Ribeira; o Museo Valle-Inclán e a obra do creador do esperpento en Pobra; un percorrido pola ruta das mámoas en Boiro, e as casas natais de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste do concello de Rianxo.