A coñecida como praza do Chinto, no centro de Sigüeiro xa se chama praza de Alexandre Bóveda. O alcalde orosino, Manuel Mirás, estivo acompañado por dous fillos do ilustre galeguista, fusilado polo exército franquista ao comezo da Guerra Civil, na emotiva inauguración oficial da praza, que serviu para recordar a importancia de Bóveda na historia política galega.
Ao acto de inauguración asistiu o voceiro do BNG no Parlamento galego, Carlos Aymerich, directivos da Asociación Alexandre Bóveda e integrantes da corporación municipal.
O rexedor Manuel Mirás xa animara tamén aos veciños a que participasen na inauguración desta praza, «a segunda á que lle cambiamos o nome, despois da praza Isaac Díaz Pardo, nesta aposta que estamos facendo dende o Concello de Oroso por homenaxear a ilustres personalidades galegas», resaltara o alcalde.
Durante o acto da inauguración descubriuse un busto coa figura de Alexandre Bóveda e unha placa conmemorativa. Tamén actuou un grupo tradicional galego.
A decisión de darlle o nome de Alexandre Bóveda a esta praza de Sigüeiro adoptouse de forma unánime nun pleno municipal celebrado no pasado mes de setembro, que aprobou o cambio de denominación de dúas prazas de Sigüeiro e deu nome a cinco rúas do polígono industrial.
O ourensán Alexandre Bóveda foi o motor do Partido Galeguista, segundo recoñeceu o mesmo Castelao. O 20 de xullo de 1936 foi detido e acusado de traizón polo exército franquista.