O concello de Oroso inaugura en Sigüeiro unha praza que levará o nome de Alexandre Bóveda

La Voz

SANTIAGO

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, inaugurará esta tarde a praza Alexandre Bóveda en Sigüeiro, nun acto que contará coa presenza de dous dos fillos deste ilustre galeguista fusilado ao comezo da Guerra Civil. A inauguración, que dará comezo ás 20.30 horas, contará coa presenza de Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento galego, e Uxío Breogán, xerente da Asociación Alexandre Bóveda, ademais dos integrantes da corporación municipal de Oroso.

O alcalde Oroso, Manuel Mirás, invita a todos os veciños e veciñas de Sigüeiro a participar na inauguración desta praza, «a segunda que lle cambiamos o nome, despois da praza Isaac Díaz Pardo, nesta aposta que estamos facendo dende o concello de Oroso por homenaxear a ilustres personalidades galegas».

A decisión de darlle o nome de Alexandre Bóveda a esta praza de Sigüeiro, coñecida como praza do Chinto, adoptouse por unanimidade no pleno celebrado en setembro.

Alexandre Bóveda foi o motor do Partido Galeguista, segundo Castelao, participando activamente na redacción do Estatuto de Galicia. O 20 de xullo de 1936 foi detido acusado de traizón, e o 17 de agosto fusilado no monte de A Caeira (Poio).