Volta e Dalle estreará o sábado no Principal o seu espectáculo «Pan», que pretende reflectir os conflictos actuais usando a desaparecida faena de campo como pretexto
09 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.As cinzas do tempo enterran a memoria pero non o mellor olor, sabor e amor -trigo, pan e neno- ao separar o grao da palla, para os que na infancia viviron aquela festa dos sentidos que eran as mallas. A solidaria e festiva conquista do pan é hoxe apenas un símbolo no museo da nostalxia, de onde estes días a intenta rescatar o teatro. A compañía Volta e Dalle separou o trigo da palla para, refusando toda tentación sentimentalista, extraer do baúl dunha Galicia comunitaria, unha visión desde o presente na que os que habitamos a eira do capitalismo urbano, aparezamos reflectidos cos nosos conflitos. Se o ser humano está hoxe, como nunca o estivo, máis necesitado de respecto que de pan, Volta e Dalle ofrece a broa do seu teatro, fundamentado nas raíces culturais dunha terra aflixida para diferenciar o grao da cizaña. Pan , e non outro, será o resultado da súa malla, título dunha proposta dramática que será estreada o sábado no Teatro Principal.
Nesta ocasión, a compañía dirixida por Pepe Penabade parece abandonar estruturas propias dunha actividade agraria e decídese a dar o salto a unha arriscada superprodución. Animan esta colectiva, solidaria e necesaria parábola sobre a malla un equipo de malladores integrado por catro autores e directores de escena (Nazaret López, Lucho Penabade, Carlos Santiago e Ribadulla Corcón), unha directora coreográfica (Branca Novoneyra), dous músicos en directo (Mini Rivas e Mero Iglesias) e cinco actores e actrices (Comba Campoy, María Lado, Pene Penabade, Alfonso Romeo e Pepe Soto).
A masa deste Pan colleu forma sen un texto pechado nin unha interpretación determinada, unificando as diferentes historias. «O pan, como orixe da malla, vén a ser a metáfora de como está cambiando a vida en Galicia -explica Comba Campoy-. É un pan que antes facían as familias, que hoxe se fai no supermercado e non sabemos moi ben o que é. O pan materializa todo o tema da obra».
Esa fenda cultural e sentimental é a que cada un dos actores-malladores de Pan traen entre o brazo e a memoria, pero non para unha recreación nostálxica senón, incluso, di a actriz, «para reivindicar aos que hoxe en día, sen renunciar á modernidade, optan por manterse fieis e volven ao traballo no campo». Os catro creadores e directores, pola súa parte, aportan outras tantas visións diversas desta fenda chamada Pan , pois proceden de diferentes sensibilidades e tonalidades. Todos eles elaboraron os seus textos a partir do traballo cos cinco actores, historias que Branca Novoneyra se encargou de entrelazar mediante outras tantas coreografías.
Pene Penabade, un dos cinco actores, e director da compañía Volta e Dalle, resalta o traballo aberto e colectivo da proposta coa que, aclara, «non se trata de contentar a todos senón de dar catro visións diferentes sobre a malla, pero contadas teatralmente de distinta maneira». Outra peculiaridade da montaxe é que está pensada para poder ser representada nas festas de recuperación das mallas do verán -en Galicia hai máis de 30-, pero non como recreación deste traballo de campo hoxe desaparecido. Neste sentido, Penabade critica «esa visión nostálxica do pasado sen facerse ningunha pregunta».