O Teatro Principal acolle a primeira montaxe dun texto de Carbalho Calero

REDACCIÓN SANTIAGO

SANTIAGO

ESMERALDA LÓPEZ

A obra, «Auto do prisioneiro», vaina representar a compañía Manivela Produccións A compañía de teatro Manivela Produccións trae a Santiago «Auto do prisioneiro», a primeira das pezas teatrais escrita polo profesor Ricardo Carbalho Calero que é representada. A montaxe, dirixida por Antonio Simón, recupera un texto de finais dos anos 60 contextulizado pola dramaturxia realizada por Lino Braxe, Rivadulla «Corcón» e o propio Simón no século XXI, «porque fala dun tema tan actual e vixente coma o do poder». A obra represéntase maña e o xoves, ás 22 horas, no Teatro Principal.

04 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Os promotores desta producción decidíronse por esta obra dramática de Carbalho Calero «na procura dun texto que dixera algo, con fondo», explicou Henrique Rivadulla «Corcón» na presentación das dúas funcións que Manivela Produccións ofrece en Compostela. Pesou, tamén, o desexo de render unha homenaxe o escritor e lingüista no décimo aniversario do seu pasamento. Non é unha obra «fácil nen cómoda», segundo explicaron os protagonista da súa posta en escena, pero consegue prender no público e suscitalo debate entre os espectadores. Lino Braxe é o prisioneiro que decoñece a razón pola que esta recluído e que se fai preguntas para tentar descubrir o misterio da súa vida. Rosa Álvarez, Manuela Varela e Jabier de Fornos completan o elenco de actores que compoñen unha farsa, «a farsa da vida», para facerlle vivir ó prisioniero un mundo irreal co fin de que acepte e se someta ó sistema. A montaxe «respecta o texto de Carbalho Calero», aínda que foi reescrito por tratarse dunha peza breve, de vinte minutos de duración. A adaptación vai máis aló do texto central, completado con poemas do propio autor. Unha proba do acerto, segundo Braxe, é que a familia gustoulle a montaxe. Actores e dramatrgos destacaron a «extraordinaria» proposta estética da posta en escea, que fai realidade o soño da difícil «cuarta parede» no escenario: os barrotes da celda fronte ó público; e a iluminación dende abaixo.