Xornalista. Residente en Santiago
Susana
Fraguela
Vale
Non podía soportalo máis.
Como seguira dándolle voltas ao tema, ía tolear. No traballo non rendía, pensaba, dáballe voltas unha vez e outra. De noite non daba durmido.
Cada vez que pechaba os ollos, as imaxes xurdían de novo. E cando caía por fin nun soño axitado, soñaba. O mesmo, unha vez e outra. Así non podía continuar. Entón leu unha nova no xornal. Podíanse borrar os malos recordos. Abraiante. Viña que nin caído do ceo. Como feito á súa medida. Alguén escoitara as súas pregarias a tempo, antes de perdelo todo: razón, traballo, amigos. Axiña se puxo a buscar información sobre os métodos utilizados. Explicáronlle que só podería facelo formando parte dun programa experimental.
Non garantían os resultados, tampouco coñecían os efectos secundarios. Non tivo que pensalo demasiado. ¡Que máis tiñan os riscos! Nada podía ser peor que esa continua obsesión.
Así que o fixo. E foi sinxelo. Indoloro. Cómodo. Rápido. Sen cicatrices.
Non deixou marcas aparentes. Só que o problema non quedou solucionado. No canto deses malos recordos que xa non lembraba, quedara un oco. Seguía a estar ausente no traballo. Seguía a inquietarse e non poder durmir. Seguía a ter soños.
Só que agora non sabía sobre que, un baleiro, a nada entre antes e despois.