Carta atopada polo párroco de Salvaterra de Miño no caixón de correo da igrexa:
Ola Deus, son Manuel. Xa sabes, o de Salvaterra. Si, si, ese, o «barrilete».
Mira, escríbote porque teño que pedirche un favor. Eu non son moi relixioso. Non oh, non o son, ben o sabe Deu... Digo... Que xa ben o sabes. Pero é que tralos feitos acaecidos na infrutuosa tarde do día de onte...
Xa saberás, o seres ti todopoderoso, que despois de xantar, fomos os rapaces todos á presa... Alí, si, á presa do río. E que ía unha calor... Para chimpar dende o carballo aquel tan alto.
Xa coñeces tamén, da teima da miña nai en aforrar ata a última miguiña. ¡Non gasta un can, a moi túzara! ¿Lembras o da tele? Si, cando se escangallou, por non levala a amañar, tívonos ao meu irmán e máis a min dous meses mirando a dos veciños. ¡Manda...!
Ao principio, no veranciño, foinos ben, pero cando comezou a arrefriar, e os veciños pechaban xa a contra da fiestra...
E iso. E o mesmo fai coa roupa. E o mesmo cos meus calzóns.
Total, que tras tirarme eu ao río... ¡Que fría estaba a auga! Estaba xeada, abofé que o estaba. Xeada, de veras, disto que se che aterece ata a alma... Iso, ao chimpar eu dende o alto do carballo, co meu calzón folgado e esfiañado... Pois o condenado foi, e quedou atrás. E coa axitación do momento, eu non me decatei do sucedido, de que estaba espido, nu, con todo ao aire, vamos...
Ata que saín de alí co meu aparello reprodutor, o MP3, como eu o chamo, todo minguado por causa da baixísima temperatura das augas.
E iso non foi o peor, non. Fun saír xusto pola banda do río na que estaban as mozas... Si, si. ¡As mozas!
E iso. E pensando, pensando... Digo eu, ti, que todo o podes, que estás aquí é acolá, no ceo e na terra, que tes poder sobre mares e océanos, sobre ricos e pobres, ¿non poderías botarme unha manciña... E que as mozas esqueceran de maneira fulminante os infaustos acontecementos anteditos na presente carta?
Posdata: E de paso, a ver se convences á miña nai para que me compre un bañador.
Ala Deus, moitas grazas. E dálle un saúdo á túa nai.