Vino sobre o bord o da miña cunca. Refuxiárame no Café Azul do frío de morte que paralizaba Santiago nunha das miñas escasas visitas á cidade compostelá, e xa me laiaba da miña decisión de vir en febreiro.
Tomei outro grolo de café con leite quente. Seguía alí na punta do meu nariz agochándose na entrada, o lombo contra o vidro da porta como se quixese aproveita-la mínima calor que traspasaba o cristal.
Seguín lendo o meu xornal, mais sen atopar algo que me chamase a atención. Case involuntariamente botei unha ollada á porta. Nin rastro del. Desaparecera? ou quizais nunca estivera alí. Era só a miña imaxinación. De tódalas maneiras non lle fixen máis caso e volvín á miña lectura.
Pasaron os minutos e cando volvín a páxina, vino de novo. Outra vez estaba alí na entrada, tremendo, as mans afundidas nos petos do seu mono de coiro vermello e negro.
Esta vez podía ver claramente a súa cara. Non tiña máis de vinte anos, pelo crecho castaño, ollos escuros, barba de tres días, e unha mancha na meixela esquerda de lama ou de graxa, se cadra de sangue seco.
Tiña algo de familiar que non acertei a identificar, pero eu estaba seguro de non telo visto antes. Cando chegou o momento no que tiven que marchar para coller o autobús de volta, fun paga-la conta ao bar pensando no que lle diría ao mozo na saída. Dei a volta para abri-la porta, mais? ¡xa non estaba! Collín o autobús na estación de autobuses. Elixín un asento a carón da xanela e pasei unha hora mirando a paisaxe onírica que me fixo esquece-lo mozo. Ao chegar á Coruña decidín toma-lo aire e camiñei ata o meu apartamento. Á volta da esquina atopeime de súpeto con aquel descoñecido. A súa cara mirábame dende unha esquela pegada ao recinto da igrexa: Xoán S.?G. Finou -líase- aos 20 anos de idade, o día 8 de xaneiro, na autoestrada AP-9. Lembrei a data do día.
Morreu había corenta días exactamente.