«A presenza web do Concello é satisfactoria»

Sandy Moragon PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

O responsable de Protocolo e Comunicación do Concello de Pontevedra, Antón Prieto, responde ao estudio que situaba a páxina web municipal entre as peores do Estado

11 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Prieto subliñou en Radio Voz que a páxina www.pontevedra.eu está a cumprir satisfactoriamente, a pesares do que diga a Asociación de Internautas.

-¿Esta a fallar algo na web?

-Non, para nós non falla máis que ese estudio. Estamos relativamente satisfeitos coa presenza web do Concello, coas posibilidades que se lle dan aos cidadáns para facer trámites a través de Internet, e non percibimos da cidadanía, que é o que nos interesa, unha excesiva preocupación pola suposta deficiencia da páxina. Cremos que a presenza web do Concello e satisfactoria.

-O estudio analizou 27 servizos específicos e di que Pontevedra soamente presta seis.

-Ben, gustaríame saber cales analizaron. Este tipo de estudos salta aos titulares como unha cousa apocalíptica e a verdade é que nos separan medio punto de Madrid. É dicir, que tampouco é para botarse as mans a cabeza; si unha cidade como Madrid, con todos os seus recursos, acada un 2,9 e nós un 2,5, pois tampouco é unha cousa esaxerada en canto a preocupación que nos poida causar. Realmente, a comunicación en Internet en xeral é unha cousa relativamente nova, o que non quere dicir que non lle concedamos importancia. Pero as páxinas institucionais están aínda en proceso case que de rodaxe.

-¿Non vai haber medidas inmediatas para corrixir as supostas deficiencias?

-Non, a medida é seguir a traballar día a día para mellorar o servizo. Estaríamos moi pouco seguros de nós mesmos e moi pouco satisfeitos có noso traballo se por un estudio que nos dá unha nota negativa, e non sabemos con que rigor está feito, nos botarmos a temblar.

-¿Que pode facer un cidadán na web do Concello?

-Pois moitos trámites. Por exemplo, pedir un volante de empadroamento, consultar o censo electoral, pedir duplicados ou recibos previos para pagar no banco e incluso pagalos a través da web, abonar o IBI, a viñeta, a taxa de lixo do rural, o IAE, os vados... Todo isto pódese facer na web hoxe mesmo.

-¿Que cousas vanse incorporar a curto prazo?

-Estamos a traballar nun taboleiro de edictos electrónico, e no rexistro telemático.