Pontevedra é unha cidade desagradecida. Só así se explica que os seus habitantes non sairamos á rúa facendo soar bucinas, dando palmas e esparexendo confeti para expresar a nosa ledicia despois de que a Xunta de Galicia teña admitido o recurso presentado por Telmo Martín contra a resolución pola que a Ence-Pontevedra se lle poñía en bandexa de prata a construción dunha planta de biomasa.
A Xunta activou a súa austera máquina de bombo e platillo para dicirnos que grazas ao líder do PP local xa non se vai instalar a central que eles mesmos, hai un par de meses, consideraban a mellor e máis xustificada de toda Galicia. A planta enerxética para 10 Megavatios á que deron a máxima puntuación e que, por arte de birlibirloque, pasa de ser a «créme da créme» a un refugallo destinado ao cesto dos papeis.
O problema está en que os pontevedreses non adoitan chupar o dedo coa intensidade e fruición que ao PP lle gustaría. E que saben perfectamente que o pasado mes de maio, os «austeros populares» foron collidos literalmente nas patacas mentres tramitaban sixilosamente a concesión desta central enerxética. A denuncia pública do PSdeG-PSOE a través do seu secretario xeral, Pachi Vázquez, deixou en evidencia ao goberno de Feijoo e a partir de aí comezou unha carnavalada impropia dun goberno serio que remata agora co anuncio público, nota de prensa mediante, de que a Xunta admitiu o recurso do PP local. Sen comunicarllo á empresa solicitante e sen engadir nin unha liña sobre resto dos recursos presentados por outros partidos, asociacións ou institucións. A Xunta só ten olliños e pucheiros para o seu candidato e proclama aos catro ventos que o recurso era tan feituquiño que quedaron prendados del.
Enrevesado, pero real como a vida mesma
O certo é que é un recurso enternecedor. Apóiase no argumento de que entre os usos previstos polo proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de Lourizán (é dicir o instrumento urbanístico tramitado ditatorialmente pola Xunta de Fraga para montar, pola forza aquela planta de papel hixiénico negociada con Georgia Pacific) non estaba unha planta de biomasa. Ou sexa, os que agora din que están en contra da permanencia de Ence na ría usan o plan bananeiro de Fraga para consolidala no mesmo sitio como argumentario para todo o contrario, é dicir para propiciar o seu traslado. Seino. É enrevesado. Pero tan real como a vida mesma.
Feijoo corre o risco de pasar á historia como o presidente que gobernou Galicia sen pensar no territorio, nin nos galegos. Está a aplicar un modelo político medieval, que consiste en converter aos representantes municipais do seu partido en caciques aos que acudir para relacionarse coa Administración ou para pedir favores. Conseguidores que, chegado o caso, tamén cociñan recursos de reposición con ingredientes tan exóticos como a contradición ou a desvergonza. O PP, ao que parece que lle extirparon a parte da cortiza cerebral na que os científicos sospeitan que se atopa o sentido do pudor, reborda de gozo infantil anunciando a fermosura sen par deste golazo administrativo, deste «iniestazo» asinado por Telmo Martín.
A historia de Juanín, o dono do balón
Unha titiritada que lémbrame a historia dun rapaz de Pontevedra que hai anos era o único que tiña balón de fútbol regulamentario. Os rapaces do barrio, engaiolados por aquel precioso esférico encoirado, competían en disputados partidos ou a lanzar penaltis. Juanín, o dono do prezado elemento, carecía da rapidez e habilidade doutros nenos, pero sempre era o máximo goleador. Mesmo lle aplaudían para mantelo contento. Contan que tiña un carácter irascible e que estaba tan enchido e pagado de si mesmo que cando non lle deixaban marcar marchaba enfurruñado. Co balón.