Un soño pragmático para Pontevedra

Teresa Casal

PONTEVEDRA

09 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os economistas falan cada vez máis dalgo que bautizaron como o sector quinario, ou sexa da economía baseada na cultura, a educación, a arte e o lecer. Algo así como a necesaria e inevitable evolución, nestes tempos de crise económica e rotundo crack do modelo produtivo, do tradicional sector servizos, o que ata o de agora chamabamos o sector terciario.

O sector quinario está xa moi presente na planificación estratéxica de Barcelona, a cidade máis dinámica de España e, sen dúbida, a que mellor soubo e sabe reinventarse. O milagro barcelonés foi obxecto de explicación polo miudo en Pontevedra hai ben poucos meses, con motivo das Xornadas de Arqueoloxía que organizamos dende a Concellaría de Urbanismo e nas que tivemos a sorte de contar con Jordi Pardo, director de Barcelona Mèdia, unha empresa que é unha verdadeira fábrica de ideas que logo se impulsan políticamente dende o Concello e a Área Metropolitana.

Pardo puxo o acento ata a extenuación na necesidade de apostar polo sector quinario e deixounos ben claro que se Barcelona dispuxera dun xacemento arqueolóxico arredor dun porto medieval, como o que Pontevedra ten a sorte de ter escavado a carón da ponte do Burgo, non tería nin a menor dúbida en sacar adiante un proxecto moi parecido ao noso futuro Museo de Historia da Cidade. Un organismo do que tamén van colgar as escavacións do Campiño de Santa María e o futuro Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) que estamos a executar no foso do antigo pazo do arcebispo. Pardo converteuse nun gran aliado para min e o equipo de técnicos que están traballar neste ambicioso reto de dotar a Pontevedra dunha rede de museos de sitio harmonizando cultura, lecer e turismo. Queremos rachar coa tradicional timidez da nosa cidade e abrirnos ao exterior ofrecendo novos atractivos e incentivos aos que nos visitan. Queremos tentalos para ir máis alá da lamentablemente típica excursión dun par de horas polo centro histórico. Queremos, en suma, xerar riqueza, unha verdadeira cidade de servizos e non un punto na ruta, no que paran os autobuses de xubilados para ir ao servizo e pouco máis.

¿Utopía? O sector quinario, a nova economía, é a principal aposta do Plan Estratéxico da Área Metropolitana de Barcelona. O documento, baixo o título Un marco económico para un territorio creativo ve nel o antídoto contra a deslocalización das empresas catalanas. Un 20% do PIB da zona e o 60% dos novos postos de traballo que se crean débense a este novo sector económico. O crecemento neste tipo de actividade é exponencial e avanza a unha media anual do 3,3% nos últimos dez anos.

Cos ollos abertos

O prestixioso economista Jean Fourastié deixou dito que na actual situación económica e social dos países desenvolvidos, éste é o único sector que pode crear riqueza e emprego, manter o benestar e compensar os efectos da imparable desindustrialización e a deslocalización, fenómeno que tamén (está todavía quente o caso de Trèves) están a castigar a Pontevedra. Mentres algúns limítanse a rir e facer aspaventos cando se fala de cambiar o modelo produtivo e de buscar alternativas ao ladrillo, hai territorios dentro de España que xa perciben na cultura, o lecer e un turismo máis intelixente, a menciña contra este desmoronamento socioeconómico que arrasa postos de traballo e esperanzas colectivas.

Hai xente, como o señor Louzán, que pensa que se crea máis traballo e se loita mellor contra a crise asfaltando. A min paréceme que aos políticos deberiamos ter algo máis que piche na cabeza. O Museo de Historia da Cidade é o proxecto infraestrutural máis ilusionante e xerador de riqueza de cantos concebiu o Concello nos últimos anos. Pero o mellor de todo é que é un soño nacido do pragmatismo máis absoluto. Un soño concibido e desenvolvido cos ollos ben abertos.