«Supoño que con esta sentencia a algún se lle caerá a cara de vergonza»

A. González / Ch. Casares

PONTEVEDRA

A xustiza dalle a razón coa decisión do Supremo que declara ilegais os recheos do Porto. Agora reclama que os responsables dean a cara e que se escoite aos afectados

07 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Tribunal Supremo acaba de darlle a razón á Plataforma Veciñal Os Praceres, que preside Eladio Torres, no seu contencioso contra os recheos do Porto de Marín. Trescentos mil metros cadrados gañados ao mar son ilegais e teñen que retirarse e voltar ao seu estado orixinal, e dicir, a ser ría. É a quinta sentencia que lles é favorable sobre actuacións no Porto de Marín. Torres confía na xustiza, pero reclama que os responsables políticos dean a cara. Os ánimos están quentes.

-¿Como se sinte vostede?

-En principio querolle manifestar unha cousa: o señor José Benito Suárez Costa [presidente da Autoridade Portuaria] minte como un bellaco. El é conocedor de todas as irregularidades do porto desde o ano 2000 porque eu llas fixen chegar. Á marxe das decisións e as sentencias xudiciais encargou a unha empresa para que inminentemente coloque unhas pasarelas na vía da praza dos Praceres a espaldas do alto tribunal e dunha sentencia que lles comunica que o que ten que facer é mover as vías, non aos veciños para que pasen por enriba. Por outra parte lle podo asegurar que no rexistro xeral do Ministerio de Medio Ambiente o señor José Benito Suárez soamente sabe que hai constancia duns recheos menores de ano 1991. E os recheos posteriores foron feitos ilegalmente e non existe ningunha certificación no registro general de Medio Ambiente, porque así o teño eu certificado. Recordemos ademáis que José Benito Suárez Costa sabe que o TSXG, no ano 2005, nos saca a razón -sentencia revocada agora polo Supremo- e que en menos de dez días o maxistrado cunha premura total nos embarga as contas da plataforma e apercibe o embargo dos bens do presidente desta plataforma. Ou sexa, eu. ¡En tempo récord!, en menos de dez días. Veremos agora a premura que se ten para executar esta sentencia.

-Ise embargo do 2005 queda anulado por esta nova sentencia do Supremo.

-O que queda anulado era a dúbida sobre a cordura mental dos veciños dos Praceres. Polo menos sabemos que en Pontevedra, esta trama, este contubernio é capaz de silenciar as cousas, pero fóra xa vemos que as cousas seguen o seu camiño. A sentencia dío ben claro: hai uns condenados e son os que teñen que dar explicacións.

-Confía vostede en que se execute a sentencia, despois do que está ocorrendo con esa que obriga oa cambio das vías do tren no seu acceso ao Porto, donde nada cambiou.

-Nada cambiou, porque os maxistrados xa por tres veces estanlle dando a razón aos veciños de Os Praceres, pero parece ser que estos señores non len as sentencias ou lle preocupan moi pouco. Nin que decir ten a idea que temos moitísimos cidadáns sobre a clase política.

-¿E que debería pasar?

-Se eu estivera no pelexo destes señores, era empezar a falar cos veciños de Os Praceres. Nós si lle apuntamos como facer un porto exemplar, á altura dos mellores de Europa e máis barato. Estes señores tiñan que facer un examen de conciencia e porse a falar do futuro. Porque un futuro con espadas de Damocles non vai a ningún sitio. Invito aos condenados e lles tendo a man a falar seriamente.

-Pero restituir os terreos ao seu estado orixinal, retirar os recheos, semella imposible.

-Eu non sei se é imposible, pero é o que dí a sentencia. «Es nulo de pleno derecho». E ademais os gastos os teñen que pagar o 30% a Xunta de Galicia, o 20% a Deputación de Pontevedra e o 50% a Autoridade Portuaria. A xusticia non se cuestiona. A xusticia acátase. Igual que este presidente da plataforma acatou o embargo das súas contas.

-¿Van actuar vostedes dalgunha maneira a maiores despois deste fallo?

-¿Sabe como vamos actuar?, ¿sabe para o que nos estamos preparando? Para que dentro duns días nos peguen e nos humillen. Dentro duns días van empezar unhas obras ilegales na praza dos Praceres para construir esas pasarelas sobre as vías. Eu estou mentalizándome para botarme ás porras. O que tiñan é facer un punto e aparte. Supoño que con esta sentencia a algún lle caerá a cara de vergonza.