As Xornadas de Historia afondan na importancia do galego no medievo

Chelo Lago

PONTEVEDRA

25 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa polémica sobre o decreto do galego aínda aberta as Xornadas de Historia de Pontevedra afondarán na importancia do idioma na Idade Media.

Galicia Medieval: reino e lingua e o título destas xornadas, antesala da celebración da Feira Franca, que teñen como obxectivo dar a coñecer a todos os interesados, unha época histórica de gran importancia. Dende hoxe e ata o vindeiro sábado, na Casa das Campás, daranse cita destacados especialistas como Anselmo López Carreira, do Institutos de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña; Henrique Monteagudo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e secretario do Consello da Cultura Galega; Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, e Fernando Reyes, director do grupo de música antiga Resonet. Durante esa etapa, os séculos XI ao XIII, Galicia acadou altas cotas de florecemento cultural que se manifestan na arte románica, coa catedral de Santiago como exemplo, na prosa latina, co Códix Calixtinus, e na música e lírica dos cancioneiros. Daquela, o idioma galera era a lingua culta por excelencia, de trobeiros e de reis. Para Anselmo López, o relator que abre hoxe o ciclo, tal situación «só se explica no contexto político do reino medieval de Galicia, cando este país. Lonxe de ser un territorio marxinal, era centro na Europa do seu tempo, unida polos camiños de Compostela».

Programa

Este especialista falará, ás 20.30 horas, do Marco político da cultura medieval galega. Mañá, mércores, Mercedes Brea intervirá no ciclo cun relatorio titulado Trobadores medievais. O xoves, o profesor Freixeiro Mato, disertará sobre Grandeza e decadencia da lingua galega, e o sábado, haberá dúas charlas: Ás 11 horas, Henrique Monteagudo falará da Emerxencia do galego escrito (século XIII): a lírica e a prosa documental, e hora e media mais tarde, Fernando Reyes pecha o ciclo co relatorio Cantigas, a recuperación das perspectivas esquecidas.

As xornadas, que se veñen celebrando dende hai seis anos nos días previos á Feira Franca, contan cunha grande aceptación. Este ano, como novidade, estase a tramitar un crédito de libre configuración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo e tamén coa UNED. A inscrición é gratuíta e pode facerse hoxe mesmo, día de inicio das xornadas.