Hoxe será a primeira saída nocturna da «Ruta das estrelas» logo dos aprazamento pola choiva
PONTEVEDRA
O programa de observación do ceo Ruta das estrelas comeza esta noite, despois de dous aprazamentos polo mal tempo. Non se trata da única novidade, pois o punto de observación desprázase da serra da Fracha ao outeiro do Canteiro, alto que preside o encoro do Pontillón do Castro, dado que conta cunhas mellores condicións de acceso e seguridade. As seguintes saídas desta ruta, se o tempo acompaña, serán os vindeiros 6 e 13 de xuño.
Nesta primeira xornadas están completas as prazas dispoñibles, que son 55, pero aínda hai posibilidade de inscribirse nas dúas seguintes. Os interesados deben anotarse nas oficinas de Medio ambiente Natural do Concello ou chamar ao teléfono 986 804 300, extensión 4262.
A Ruta das estrelas é unha actividade dirixida aos amantes da astronomía e a todas as persoas con curiosidade pola contemplación do ceo. Cada saída contará con transporte en autobús, dende o entorno da Alameda, ás 22 horas. A volta está prevista para a 1 da madrugada. Despois do avistamento do ceo haberá café e chocolate.
Os participantes recibirán unha carta astral co firmamento dende a cidade. A observación contará coa presenza dun astrónomo que fará unha explicación dunha media hora e dará resposta ás preguntas que se formulen.
Esta actividade é de balde e aconséllase aos participantes que leven unha lanterna e roupa de abrigo. A ruta rematará cunha xornada especial, con data aínda por pechar, no Pazo da Cultura, na que se fará repaso do aprendido e daranse pautas para afondar coñecementos.