«O noso vindeiro obxectivo é o de recuperar os maios en Cambados»

PONTEVEDRA

06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Expolsanés está cheo de traxes tradicionais. Pertencen a Volandeira, unha asociación de baile e música galega que á hora de encargar o seu vestiario fai un importante traballo de documentación. Por iso, a súa exposición está a romper tópicos.

-O traxe tradicional galego pouco ten que ver coas saias vermellas a media perna...

-Ese é o traxe da sección feminina, que pretendía unificar todos os traxes rexionais de España. O traxe tradicional galego non ten nada que ver con iso. Había elementos como os mandís, os dengues... Pero a ningunha muller se lle ía ocorrer levar unha saia a media perna. Antes, a roupa era un síntoma da riqueza dunha familia. As pezas boas poñíanse nos días especiais, nas festas familiares e o día do patrón. E cantas máis, mellor.

-¿Sorprenden moitos os seus traxes?

-Sorprenden bastante. De feito, xente doutras agrupacións pensan que os nosos non son traxes tradicionais e que os seus si. Os nosos traxes son réplicas doutros que rastrexamos en arquivos, en fotografías antigas...

-Despois desta exposición, ¿que outro reto se teñen marcado?

-O próximo reto que temos é a recuperación dos maios en Cambados. Aquí non se facían exactamente maios: facíanse bonecas de papel ou tela, vestíanse como se fora a Virxe María, e facían os altares do maio. Iso é o que queremos recuperar para o vindeiro ano.