Blanca Cendán protagoniza o cabaré galego «Lili Berlín»

E. L.

PONTEVEDRA

06 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Blanca Cendán, Carlos Ariel e Suso Alonso recuperan a linguaxe dos cabarets para os escenarios galegos co espectáculo Lili Berlín, que o Ateneo de Pontevedra ofrece esta tarde, a partir das 20.30 horas, no Café Moderno da Fundación Caixa Galicia.

Os tres son os tecedores dun fío narrativo que percorre a historia de Lili Berlín, unha diva extemporánea e algo louca, que é, tamén, testemuña privilexiada dos séculos nos que asenta a cultura e expresión contemporánea europeo, según se recolle na sinopse da obra.

Precisamente no corazón de Europa -nese Berlín berce do cabaré no que Blanca Cendán traballou como actriz e cantante-, xurdiu este divertimento. Tralos dúos iniciais con Suso Alonso, pianista e compositor vigués de dilatada traxectoria no mundo teatral, e a incorporación de Carlos Ariel, chelista e colaborador da Sinfónica de Londres, adquiriu peso este relato que a propia Lili conta ós espectadores.

A banda sonora consiste, principalmente, no cabaré alemán dos anos trinta, as composicións de Kurt Weill ou Hans Eisler, con textos de Brechet, que iluminaron aquel Berlín centro de opreracións da arte e da expresión creativa de entreguerras.

Explican os promotores que da fonte inesgotable do cabaré bebe o espíritu deste espectáculo, «que medra na ironía, no humor, na militancia libertaria, na improvisación, na ambigüedade e na crítica política e social que fixo do xénero a arma de combate dos intelectuais alemáns fronte ó nazismo».

Blanca Cendán faino en alemán (tamén en inglés, español ou galego) co rexistro de mezzosoprano que mellor lle acae as cancións de Weill, «situando a súa Lili no ronsel de divas como a Dietrich ou Lotte Lenya, sobre un leito de arranxos musicais no que se albiscan as mans de Alonso e Ariel».

Lili Berlín Cabaret avala súa traxectoria con máis de 200 representacións pola península Ibérica, Portugal, Andalucía, pasarela Gaudí de Barcelona, Canarias e Galicia. Nesta Comunidade actuaron recentemente, coa colaboración de Druída Danza, durante a Gala de Premios de Teatro María Casares 2008, retransmitida pola TVG dende o Teatro Rosalía de Castro da capital coruñesa.

Blanca Cendán naceu en 1963 en Ares (A Coruña) e foi fundadora da compostelá Sala Nasa. Esta actriz conta cunha longa experiencia teatral, tendo traballado en montaxes das compañías Chévere, CDG e Artello, entre outras. No mundo audiovisual, fixo teleseries, programas de humor e papeis en curtas e longametraxes.