A AECC subliña que o 35 por centro dos cancros nos adultos evitaríanse con bos hábitos dende a infancia
PONTEVEDRA
A presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Mª Josefa Crespo Amigo, incidiu onte na importancia que os bos hábitos teñen na prevención do cancro. Incluso dixo que un 35% dos tumores en adultos evitaríanse cunha dieta equilibrada e exercicio físico dende a infancia.
Por ese motivo, onte, Día Mundial contra o Cancro, presentou, xunto a concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, unha campaña preventiva dirixida a alumnos de 70 centros escolares da provincia, con idades de 10 a 13 anos, coa intención de subliñar a importancia de «hacer deporte y comer de todo». Crespo Amigo tamén destacou que nas dúas últimas décadas, a obesidade infantil pasou dun 5 ao 16%. «La obesidad -seguiu- es la puerta de entrada de muchas enfermedades, como las cardiovasculares y algún tipo de cáncer». E destacou a importancia de concienciar aos pais para que, en coordinación cos pediatras, preparen uns menús saudables aos rapaces, que deberían facer una hora de exercicio diaria.
Baixo o título de Actúa contra o cancro, actúa pola túa saúde, trátase dun programa en galego a través de Internet que pretende involucrar aos rapaces para ver a importancia dunha alimentación saudable e da actividade física.
Sonia Rodríguez é a coordinadora da campaña e subliñou que a intención desta iniciativa é «promover a saúde como valor fundamental» e «facernos responsables a todos da nosa saúde, xa dende mozos».
Seis bloques
A campaña estrutúrase en seis bloques temáticos: cancro, exercicio físico, alimentación, sol, alcol e tabaco. Todos eles relacionados coa prevención non só do cancro, senón de outras enfermidades. E cada un deles, cunha duración aproximada de 25 minutos, ten pantallas formativas, xogos relacionados co tema tratado e direccións de interese, ademais dunhas sinxelas enquisas para avaliar o nivel de coñecementos adquiridos.
O titor responsable de cada aula poderá acceder ao programa a través da AECC www.todocancer.org, mediante unha clave de acceso persoal que facilita a devandita asociación. O programa on line ten un deseño interactivo e sinxelo, cunha linguaxe adaptada aos rapaces.
Os profesores serán os encargados de desenvolver as actividades na aula, e contarán co apoio dos profesionais da Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra. Pero os rapaces tamén poderán traballar cos módulos nos seus domicilios.
Ademais, voluntarios da asociación repartiron onte, na praza da Peregrina, folletos con cinco consellos para una alimentación saudable, baixo o título de Comer bien es divertido.