Periodistas e autores analizan a literatura nos medios

La Voz

PONTEVEDRA

As formas de contar a literatura foron onte o tema de debate no Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que xornalistas de distintos medios analizaron as características da información literaria en prensa, radio, televisión e Internet, así como as relacións entre xornalistas, editores e escritores e as estratexias de comunicación das empresas editoriais.

Xesús Fraga, escritor e xornalista de La Voz de Galicia e copresentador de Biblioteca Galega, en Radio Voz, destacou o papel dos informadores como «mediadores» entre o escritor e o lector. «Igual que a relación entre o escritor e o público non variou, e tampouco o labor dos xornalistas, si o fixeron os medios e a forma de facelo. O que se está facendo agora é quizá unha promoción dos autores. Estamos facendo que se convertan nunha fábrica de noticias e que dean titulares e historias apetecibles. E o perigo é que se pode desvirtuar o obxectivo final que é que o libro se lea».

Na mesa participaron tamén Óscar López, director do programa Página 2 da 2 de TVE, Javier Lostalé, xornalista e crítico, codirector do espazo radiofónico La estación azul en Radio 3 de RNE, Winston Manrique, xornalista e coordinador de libros na revista Babelia de El País e Iago Martínez, xornalista e crítico literario e musical, do Xornal de Galicia.

«Hai que atopar o equilibrio entre literatura comercial e de calidade -engadiu Fraga-. é complicado, porque en Galicia o problema é tamén que se segue lendo pouco, algo que me sorprende que non preocupe máis en ámbitos como o ensino ou desde as institucións. O que hai que acadar é que non se rompa a cadena lectora, porque os nenos si que son grandes lectores e hai que crear esa base sólida para que en calquer momento da vida a xente poida encontrar algo que lle interese, xa sexa unha historia de amor o unha receta».

Pola súa banda, Óscar López incidiu na escasa presenza do fomento da lectura na televisión pública, na que só existe o programa que el dirixe, tendencia aínda máis nula nas privadas.

A crise foi outro dos puntos do debate, pola opinión dalgúns participantes en que a actual conxuntura económica vai diminuír a composición das redaccións especializadas en cultura, o que consideran que derivará nunha perda da calidade do produto xornalístico.