A agrupación Seixebra celebra o seu décimo aniversario cun festival folclórico

Ch. L.

MORAÑA

03 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación Seixebra de Moraña celebra o seu décimo aniversario cun festival especial no patio da Casa de Cultura ADR Castelao, esta tarde, a partires das 20 horas, con entrada libre e de balde.

Baixo unha carpa que cubrirá o devandito patio, actuarán algúns dos antigos membros de Seixebra para rememorar bailes e pezas que marcaron diferentes etapas na traxectoria do grupo. Ademais, tamén realizarase unha pequena mostra do traballo actual.

Na actualidade, o grupo está composto por medio centenar de persoas, entre o corpo de baile e as que tocan instrumentos tradicionais, con idades comprendidas entre os 6 e os 50 anos, segundo informou a súa presidenta, Ana Rosa Vidal. Asemade, ten unha escola para rapaces, de baile, gaita, percusión, pandeireta e acordeón, con vinte alumnos a partir dos 4 anos.

O festival faixe coincidir co derradeiro día dunha exposición que repasa tamén a traxectoria deste grupo e que está montada na propia Casa da Cultura.

Os orixes desta agrupación remóntanse ao ano 1998, cando a Asociación Cultural A Cabana decide impartir clases de baile rexional e pandeireta no Concello. Desta iniciativa nace o grupo, que un ano despois constituíuse como outra asociación.

A agrupación ben traballando para dar a coñecer unha parte da cultura popular e dende o 2004, organiza un festival folclórico enmarcado nas actividades da Festa do Carneiro ao Espeto.