O profesor e escritor Buenaventura Aparicio abre hoxe un ciclo de conferencias sobre A arte rupestre: Un sinal identitario de Galicia, organizado polo Ateneo de Pontevedra.
A charla de Aparicio titúlase O código na pedra do grao, e nela, o doutor en Historia e arqueólogo abordará a interpretación sempre difícil dos petroglifos, e presentará o traballo de posta en valor do patrimonio arqueolóxico realizado na parroquia de Tourón, en Ponte Caldelas. Terá lugar na sala de conferencias do Centro Social Caixanova, ás 20 horas.
O ciclo continúa o día 23, con Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, e o arqueólogo Antonio de la Peña, que falarán sobre O mundo dos petroglifos, e Entre símbolos e mitos: un paseo pola arte rupestre das Rías Baixas, respectivamente. O 30 de outubro intervirá o tamén arqueólogo Xosé Manuel Rey García e para rematar, haberá unha saída ao parque arqueolóxico de Campo Lameiro, o día 8 de novembro.