Un grupo de mormóns colaboran con Vaipolorío na limpeza do Gafos

Ch. L.

PONTEVEDRA

28 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O colectivo Vaipolorío inicia hoxe a súa oitava campaña de limpeza do río dos Gafos, coa axuda excepcional dun grupo de 70 mormóns, que permitirá facer distintos grupos, seis ou sete, separados entre se un ou dous quilómetros, para evitar que as augas se revolvan e facilitar as tarefas de limpeza. A saída será ás 10 horas, dende Casa Pepe, no Marco, Tomeza.

Agás hoxe, o resto das xornadas de limpeza serán os domingos de xullo e agosto. Hoxe cambiouse a data para permitir a presenza dos representantes mormóns, pois o domingo é para eles un día dedicado a súa relixión.

Despois de sete campañas de limpeza impulsadas polo colectivo, o presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, subliñou que o río está recuperado, pero fixo unha chamada a Medio Ambiente, pois segue a producirse verquidos incontrolados. «É fácil -dixo na presentación da campaña- que un día determinado apareza a auga tinxida de branco un par de horas, pola zona urbana, preferentemente a partir da Estación de Autobuses. Temos chamado a Medio Ambiente e nunca se localizou a orixe do verquido, porque din que é difícil de saber pos pode vir de diferentes rúas novas».

Tamén apelou a resolver definitivamente «o eterno problema, para o que xa hai partida presupostaria, de separar as augas pluviais das fecais, un problema grave pois cando chove moito, a auga levanta as tapas do alcantarillado e vai parar todo ao río». «Sería desexable -engadiu-, que iso se solucionara canto antes porque suporía a recuperación plena do Gafos».