O grupo Expresión Producción presenta hoxe no Principal, a partir das 21 horas, o seu último espectáculo, Imasxinarium Plus, dentro da programación cultural aberta de Europolyb. Trátase dunha montaxe sorprendente, imaxinativa, chea de humor e xogo, e como os seus autores dín, o espectáculo «ten propiedades terapéuticas e sen contraindicacións».
Imasxinarium plus é unha peculiar obra ao máis puro estilo clown que fará rir aos espectadores. Amosa, a través dunha serie de pequenas esceas soltas, o que pode dar de sí a imaxinación se por algún momento prescindimos de toda aquela tecnoloxía que nos rodea e que merma a capacidade dos nosos cerebros. É un traballo de creación colectiva dirixido por Manuel Solla e no que interveñen quince actores afeccionados. As entradas custan 10 euros.
O grupo Expresión naceu en Pontevedra no ano 1992, da man dun grupo de mestres comprometidos que pretendían desenvolver todas as potencialidades dos nenos, mozos e adultos mediante a expresión dramática e promover o teatro dende a base, creando obradoiros permanentes en centros educativos e culturais.