«Polo alcalde e polo grupo do BNG os orzamentos estaban en decembro»

PONTEVEDRA

O rexedor está ilusionado co reto dos vindeiros tres anos, e subliña que ten asumida a mensaxe das eleccións do 2007: «aprendimos que hai que escoitar máis á xente»

25 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un ano despois da súa particular longa noite de pedra, Lores asegura ter tomado nota e confía en volver a ilusionar no 2011 a aqueles que deixaron de votarlle no 2007.

-Hai un ano falábamos tralas eleccións e andaba vostede un pouco baixo de moral.

-Indiscutiblemente, pero é un tema pasado. Tomamos nota e temos novos folgos, novos impulsos. Creo que neste ano que leva transcorrido pasaron moitas cousas. Foi un ano frutífero, un ano no que se viu un cambio importante en moitos aspectos. Temos moitísimas cousas en marcha ou rematadas: o estacionamento da Praza de España, Valdecorvos, o ARI de Estribela, as infraestruturas, a senda do Gafos e a do Lérez, Paseo de Colón, Rosalía de Castro... E ao mesmo tempo fixemos un labor de xestión diante doutras Administracións. Un tema importantísimo para min é o convenio con Fomento.

-Chama a atención que saian xuntas todas esas cousas.

-Evidentemente hai un traballo que ven de atrás. Para firmar convenios hai que presentar proxectos, ter moitas conversas, insistir... No caso de Fomento coincidiu nun momento no que o BNG tivo a capacidade de influír en Madrid.

-Para salvar o cu da ministra. Falo daquela reprobación na que o BNG se puso do lado do goberno Zapatero.

-Non, non, non. O que nós defendemos sempre en Madrid é que Galicia teña unha capacidade de investimento importante, e consideramos que a reprobación non ía resolver absolutamente ningún problema. Dende logo para Galicia, non. Era un conflito que había en concreto en Cataluña. E ademais non debía ser para tanto cando non volvemos a saber daquelo.

-Me dicía antes que están a traballar arreo no Concello.

-Traballando, xestionando, temos unha nova ilusión. Ti falabas ao principio do descenso nas eleccións, que nos preocupou e nese sentido puxémonos as pilas, comezamos a priorizar as cousas... Traballar traballamos sempre, o que pasa é que as veces non basta con iso e hai que dialogar un pouco máis, explicar as cousas que fas, non basta soamente coa boa vontade.

-Naquela noite electoral e nos días posteriores falaba vostede de que moita xente que tiña votado ao BNG deixou de ir a votar aquel día. ¿Ten recuperado esa xente a confianza?

-Eu agardo que si, pero temos aínda tres anos por diante. O máis importante é xerar ilusión, e creo que iniciamos este mandato cunha planificación mellor, cunha apertura maior, centrando máis os temas, cunha boa xestión.

-Déame un exemplo de algo que fagan neste mandato que non tiveran feito antes.

-Un exemplo de algo que fagamos agora... Home, eu penso que a primeira cuestión é incrementar a relación coa cidadanía, a presenza pública. No anterior mandato houbo unha certa retracción nun momento determinado, quizais non calibramos ben o que podía percibir o cidadán... Agora estamos a traballar máis en relación coa xente, temos nunha relación de maior permeabilidade, máis abertos, e creo que sabemos escoitar máis.

-Houbo rectificacións: mobiliario urbano, bolardos....

-Son anécdotas. Rectificamos algunhas cousas e punto. Pero é o de menos porque o que importa de verdade é a filosofía, o modelo de cidade. E nunca houbo ningún problema có modelo, que está perfectamente claro. Lóxicamente pode haber algún erro que outro, retrasos nas obras que ao final é responsabilidade nosa porque nalgún momento non soubemos dimensionar a administración municipal. Pero ese é un dos asuntos que enfocamos agora: reforzar o aparato administrativo. Creo que temos todos os motivos do mundo para estar ilusionados, porque Pontevedra é unha cidade que neste momento é exemplo de moitas cousas ao seu nivel. En Galicia e fora de Galicia.

­-Falemos do goberno. ¿Cómo está a funcionar o pacto? A imaxe non é de absoluto entendemento. Eu incluso falaría de recelo entre as dúas forzas.

-Somos forzas políticas distintas, cun electorado distinto. Nós temos unha visión do que é necesario para a Pontevedra do futuro. E quero ser claro: temos un modelo que é o único que hai. Non hai outro. E nós esforzámonos por garantir no pacto que o modelo continúe, porque funciona. Iso levou tempo discutilo. E que haxa mínimos roces é absolutamente inevitable. ¿Cantos concellos hai con maioría absoluta que non ten os orzamentos aprobados?

-Xa que fala dos orzamentos, dá a sensación que de que volve a custar por dacordo ao BNG e PSOE.

-Teño que dicilo claramente: polo alcalde, polo grupo do BNG e polo concelleiro de Facenda, os orzamentos estaban aprobados en decembro.

-Entón ¿cal é o problema?

-Eu non digo máis. Repito: polo alcalde, polo grupo do BNG e polo concelleiro de Facenda estarían aprobados en decembro. Presentouse un borrador a principios de novembro. Non teño nada máis que dicir. É así.

-Coincidirá en que a imaxe do bipartito está quedando mal.

-O ideal sería... Dende que estou de alcalde aprobei orzamentos todos os anos. Antes o despois, pero aprobáronse.

-Pero nunca tan tarde.

-Ben, pero eu que queres que che diga. Temos uns orzamentos prorrogados, estamos traballando a un ritmo vertixinoso, e non afecta ao funcionamento do 99% do Concello o que teñamos orzamentos aprobados ou non. Espero que estean moi pronto, xa está pendente dos trámites administrativos. ¿Que o ideal houbera sido telos antes? Si. Pero non foi posible por... Eu xa din a miñas razóns, ¿non?

-Cando a súa socia lle pide moderación verbal, ou resposta nos medios a unha carta que lle manda vostede a conselleira de Sanidade, ou pon trabas ao texto da ordenanza do botellón... Dan unha imaxe de desunión que chama a atención.

-En todo caso os cidadáns, poden ver o que hai. O alcalde fala de feitos. Eu digo hai retrasos no hospital único. É un feito. Canto durará o retraso? O tempo dará e quitará razóns, pero non se pode dicir que non hai retraso, porque a consellería contaba con ter as expropiacións xa feitas. Punto. A miña obriga é intentar que certos proxectos que non dependen soamente da Administración municipal saian. E se eu teño que dicir como alcalde que unha consellería determinada ten retrasado algún proxecto importante, pois o digo.

-Vexo que do socio de goberno non me quere falar...

-O papel do grupo socialista neste goberno é fundamental. Agradezo o esforzo que fixeron e que fan dende a súa visión para gobernar este concello. Que logo hai diferenzas, é indiscutible e inevitable. Pero as diferenzas eu agardo que non sexan fundamentais e que non o sexan no futuro.