Areeiro investigará o cancro resinoso do piñeiro en mostras de Castela e León

La Voz

PONTEVEDRA

13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro levará a cabo as análises de máis de 1.500 mostras co fin de atopar en Castela e León a presenza do fungo Fusarium circinatum, coñecido coma o cancro resinoso do piñeiro, e outros patóxenos que se atopan na veciña comunidade.

As mostras recollidas no monte serán remitidas á Estación do Areeiro polos técnicos dos Servizos Territoriais de Medio Ambiente e Defensa do Medio Natural, responsables da loita contra pragas e enfermidades forestais de Castela e León.

Areeiro, pola súa banda, realizará as análises fitopatolóxicas, tanto morfoloxicamente como por bioloxía molecular, co fin de detectar, no seu caso, o fungo Fusarium circinatum, ou calquera outro organismo patóxeno forestal. Os resultados das análises irán acompañados do informe correspondente. Estímase que, durante o ano 2008, será preciso analizar preto de 1.500 mostras.

Un convenio entre a Deputación, organismo do que depende a estación, e a Xunta de Castela e León regulará no 2008 esta actuación e os termos da colaboración científica e económica.

Alta sensibilidade

O Fusarium circinatum Niremberg & O'Donnell é o cancro resinoso do piñeiro. Na actualidade, a enfermidade detectouse, ademais de en España, en México, Xapón, EE UU, Sudáfrica, Chile, Nova Zelandia e Haití. Afecta a varias especies de coníferas: Pinus canariensis, Pinus halepensis, Pinus pinaster, Pinus pinea, Pinus radiata, Pinus sylvestris e Pseudotsuga menziesii. Todas, a excepción do pinea e o canariensis, presentan unha alta sensibilidade á enfermidade, tanto en viveiro como no monte. En Galicia, teñen mostrado a súa sensibilidade en viveiro.

O fungo caracterízase pola presenza de macro e microcondias, hifas estériles enroladas, polifiálidas e ausencia de clamidosporas. Nas árbores adultas situadas no extremo das ramas infectadas poden aparecer cancros en ramas e tronco. As acículas situadas no extremo das ramas infectadas mostran unha coor amarelo-encarnada e finalmente caen, deixando o extremo da rama desprotexido. Cando se perderon moitas destas acículas, pode producirse a morte da árbore.