O agro máis artesanal revive no muíño da Presa

PONTEVEDRA

A auga da canle voltou onte a mover as grandes pedras do muíño da Presa, na aldea buenense de Meiro, onde mañá se celebrará o décimo Encontro Degustación do Millo Corvo. Ao longo da xornada de onte, os voluntarios da Asociación Cultural de Meiro levaron quilos e quilos de millo corvo, debullado previamente polos rapaces da zona, para a súa transformación en fariña que servirá para o cocido nun forno de leña da bola corva, que será o manxar central da cita gastronómica deste domingo. As visitas ao muíño da Presa poderán levarse a cabo tamén ao longo desta xornada, aínda que os percorridos guiados faranse preferentemente mañá, como parte da oferta lúdica da cita culinaria.

O Encontro Degustación do Millo Corvo é o cumio dun proceso que comezou coa preparación do terreo e sementeira desta variedade negra do millo en dúas veigas de Meiro, a cargo dos veciños. A actividade continuou durante todos estes meses cos traballos tradicionais de colleita, empalleirado, esfollada e debullada do millo. Cada etapa conta coa presenza de numerosos escolares que acoden a coñecer de primeira man, baixo a tutela dos seus profesores, como era o ciclo produtivo artesanal do agro galego.

Hoxe está previsto que ás 17.30 horas se inaugure a exposición Dez anos do voo do corvo, na casa da aldea, no que se exhiben cartaces e imaxes fotográficas desta década de actividades en Meiro. Trinta minutos despois celebrarase unha charla coloquio, co título de O rural, encontro entre o home e a natureza. A ponencia estará a cargo de Marga Rubido Bara. Nesta charla falará de tradicións, usos, lendas e curiosidades das plantas e animais máis directamente vencellados ao medio rural. Tamén se disertará sobre o home como conservador da biodiversidade.

Ás 20 horas desenvolverase o festival A pan de millo, cos grupos de baile Soabela e Cultural Abiñadoira, así como da banda de gaitas Manxadoira. Tamén abrirá a esa hora a ecotaberna, onde poderán adquirirse tapas e pratos con millo corvo e tamén produtos como touciño, unto, manteiga de porco, centeo, óleo de millo corvo, mel e butefa.

O día grande do encontro será mañá, a partir das 11 horas, coa apertura das carpas gastronómicas e os postos de artesanía. A lectura do pregón farao a poetisa Yolanda Castaño. No programa compréndese actuacións musicais, exposicións e varios obradoiros.