A obra recolle en 340 páxinas, trinta horas de conversas nas que o autor presenta ao protagonista «en estado puro, sen ningún disfrace»
04 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Ás 20 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, preséntase a última obra do escritor estradense Xosé Luna, No Pazo de Laiovento: conversas con Francisco Pillado Maior. Ao acto asistirán o autor e o protagonista, xunto con Fernán Vello, director de Espiral Maior, que edita a obra, e Héitor Picallo Fuentes, presidente da asociación cultural O Fervedoiro, organizadora do evento. A presentación rematará cun breve recital músico-poético a cargo de Manuel Vázquez Fernández, Manoele de Felisa.
O libro recolle, en palabras do seu autor, en 340 páxinas, trinta horas de conversas con Francisco Picallo Maior, mantidas entre setembro do 2006 e febreiro do 2007. «Eu son mestre -explica Xosé Luna- e quedabamos os martes pola tarde, cada quince días». As conversas leváronse a cabo na casa do protagonista en Miño, na do autor na Estrada e no Casino de Santiago de Compostela.
«O procedemento -explica- sempre era o mesmo: Eu pasáballe un guión que Picallo traía desenrolado sempre nun folio, que acompañaba con recortes de prensa e con libros. E empezábamos a falar sobre iso».
O libro está estruturado en cinco capítulos, «e falamos do divino e do humano. Son 66 anos que ten o protagonista, dunha vida dedicada á cultura», subliña.
O primeiro capítulo leva por título «uns versos moi fermosos de Lorca, do que el gustaba moito, que era O Sol, capitán redondo, leva un chaleco de raso. Dun marcado carácter biográfico, nel fálase do ambiente familiar, da época de estudante, do primeiro encontro co amor da súa vida, Noli Vega, que segue sendo a súa muller, e de todos os avatares da adolescencia e da xuventude que van marcar a súa traxectoria vital».
O segundo se titula O ceo aberto, «porque Pillado empézase a dar conta de todo o que, no mundo cultural, lle fora furtado polo franquismo, e a través dunha asociación cultural emblemática como é O Facho, principia a reconstruír ese novo mundo cultural».
Labor cultural
Pola estrada da cultura, o terceiro capítulo, é o máis amplo e está dedicado a todos aqueles proxectos nos que Pillado participou activamente, desde a fundación da Escola Dramática Galega ata os libros de conversas con Carballo Calero ou Xosé Manuel Beiras; o seu labor como tradutor, como editor e o seu papel como fundador e director de Edicións Laiovento.
Un seguinte capítulo leva por título Socialismo ou barbarie. O protagonista fai unha reflexión sobre temas como a execución de Sadam, un dos últimos atentados de ETA e outros feitos históricos determinantes, como a guerra de Vietnam ou a caída do bloque soviético. Tamén analiza o papel dos grandes medios de comunicación. «Ten unha teoría que penso que é moi boa. Di que hai que popularizar o elitismo, facer un pouco a guerra a vulgaridade... Penso que popularizar o elitismo sería positivo para a nosa sociedade».
E Esperanza e memoria é o último capítulo, moi intimista, onde comenta situacións persoais de amizade con persoas que xa non están connosco, como Luísa Villalta, Manuel María ou Raimundo Patiño. «Pillado se sincera e fala tamén da súa saída do BNG e da situación da súa biblioteca na Universidade da Coruña, e do significado íntimo da súa familia».
Luna Sanmartín considera que No Pazo de Laiovento: Conversas con Francisco Pillado Maior, é un libro «moi sincero e valente, de lectura moi doada sobre un dos intelectuais fundamentais na historia do noso país».
«Gústame a frescura das entrevistas -comenta o escritor- e quería retratar un Francisco Pillado en estado puro, sen ningún tipo de desfrace».
«Desde a miña ignorancia, penso que o mellor que pode facer un entrevistador é levar a entrevista por onde quere, pero afastándose na medida do posible para que o protagonista sexa o entrevistado», engadiu o autor.
Xosé Luna comentou que o libro xurdiu dunha conversa mantida co protagonista no ano 2000, para un libro sobre o patriarca do teatro galego, Varela Buxán. «Quedei engaiolado da personalidade de Francisco Pillado» e ese foi o punto de partida do libro, que xa está nas librerías e que inicia en Cuntis o seu periplo de presentacións por toda Galicia.