O debuxante de La Voz de Galicia Kiko da Silva acaba de ser galardoado co premio Xoán Manuel Pintos que concede o Concello pontevedrés para recoñecer a aquelas persoas e entidades que destacan polo seu labor de impulso da lingua galega. Ademáis, o premio pretende tamén manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento.
No caso de Da Silva, premiado no ámbito local, o xurado destacou «ou seu compromiso constante co galego» como exemplo de normalidade no uso da lingua desde o mundo da ilustración, o humor gráfico e a banda deseñada.
«Ademáis -engade o texto do comunicado do xurado- polo seu traballo e pola súa idade, constitúe un referente no uso normal da lingua para a sociedade e, de maneira especial, para a xente nova».
O artista amosouse onte «asombrado» pola concesión deste galardón, «sobre todo polos anos que teño», dixo. Pero agradeceu este recoñecemento, «que é un orgullo e anima, cando ademáis acábome de meter noutra lea». Da Silva refírese ao seu novo proxecto, a revista Retranca, que sairá á venda o vindeiro mes de novembro e na que pretende recuperar o humor galego. Nestes intres, o ilustrador traballa asimesmo na creación dun mural nas paredes da sala infantil da biblioteca pública, do que xa leva feitos dous debuxos.
«Esto é un sinal de que a xente está pendente do que fago e que ten un interese -engadiu o ilustrador-. E sobre todo, anima tamén vendo quen son os premiados dos anos anteriores».
Precisamente, o galardoado do 2006, o xuiz da Audiencia Provincial Xosé Barreiro Prado, foi un dos integrantes do xurado que premiou a Kiko da Silva.
Xunto a el estiveron a concelleira de Normalización Lingüística, Anxos Riveiro; Leonor González Prieto, ex presidenta da APDR; o artista Antón Sobral; Eva Alonso, representante do Colexio Profesional de Xornalistas; María Xosé Hervés Santiago, representante do equipo de normalización lingüística do IES Carlos Oroza; Mercedes Vázquez, da Asociación MaisLibros e Xosé Fernando Filgueira, da Fundación Filgueira Valverde, entre outros.
Xunto ao ilustrador resultou tamén premiada no ámbito de Galicia a asociación Puntogal, polo labor que desenvolve desde xuño do 2006 para conseguir que a lingua e a cultura galega teñan un dominio propio en Internet.
Este dominio, segundo o xurado, axudará «a situar a Galicia na Rede como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos e sociais». Puntogal conta co apoio de diversos organismos e asociacións galegas do ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.
A entrega destes galardóns terá lugar no transcurso dunha cea o vindeiro 16 de novembro, no Pazo da Cultura pontevedrés.