«Que te elixan para unha mostra internacional é moi importante»

x. m. r. ourense / la voz

OURENSE

O ourensán é un dos oito artistas do «2020 European Art Tour»

07 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Gómez Dopazo é un artista multidisciplinar que se expresa en varios soportes. No día a día canaliza as súas inquedanzas como «O Emigrante», as súas viñetas aparecen no seu blog (http://oemigrantedopazo.blogspot.com/) e en varios medios de comunicación galegos, e tamén pinta. De formación autodidacta ten traballado a pedra, o debuxo e a pintura ao longo de toda a súa vida. A súa obra foi seleccionada para participar no proxecto itinerante de arte e cultura 2020 European Art Tour, que promove Pazo de Mos (Mos, Pontevedra).

-¿Que supón para vostede participación neste proxecto?

-É un respaldo moi importante ao meu traballo. Non son unha persoa que faga exposicións nin que participe no que soen ser os chamados circuitos, daquela sempre é un valor engadido que te elixan para un proxecto como este.

-¿En que consistirá o proxecto «2020 European Art Tour»?

-É unha iniciativa do Pazo de Mos e, en liñas básicas, é un proxecto europeo de divulgación artística e cultural que está encamiñado á promoción de novos artistas, independentemente das disciplinas nas que estean especializados. No meu caso fun seleccionado entre oito artistas para unha exposición no referido pazo.

-¿Cando se desenvolverá a exposición cos traballos dos artistas seleccionados?

-A mostra no Pazo de Mos abre ao público o día 9 de decembro, ás 20.00 horas, e na mesma poderanse ver as mellores obras de artistas de toda a xeografía española e portuguesa. Alí estará ata xaneiro, e depois poderanse ver noutros espazos no seu percorrido por todo o Estado e por Europa.

-¿Como definiría o seu traballo co personaxe de O Emigrante?

-«O Emigrante» é moi crítico e pon en cuestión a realidade cotidiá, dende as novas máis recentes aos casos de corrupción política ou ás eleccións. E faino dende unha particular visión da vida na que acostuma a «dar caña».

-Nas súas acuarelas hai unha presenza destacada de espazos e temas ourensáns.

-É certo. Os espazos da cidade, o casco histórico e todo o que ten que ver coa cidade e coa provincia, de xeito singular co entroido, son temas moi queridos por min e por iso hai moitas desas obras no blog donde se pode ver o meu traballo.

-Artista por vocación e non de forma profesional ¿por que?

-Estudiei delineación e a miña carreira profesional estivo sempre vencellada ao mundo da construcción e a promoción inmobiliaria. Aínda así nunca deixei de pintar e crear obras artísticas porque é algo que me gusta e veño facendo dende os 12 anos.

-¿E non pensa en expoñer o seu traballo?

-Agora participo no de Mos, aínda que o de expoñer a miña obra de xeito individual é algo que non me chamou nunca. Por agora non teño nada en carteira.

manuel gómez dopazo caricaturista e pintor