«Quen co seu traballo normal amasa unha fortuna queda inhabilitado para a política»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

08 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Profesor de filosofía, Xosé Manuel Domínguez Prieto (Madrid, 1952), lidera o Partido Por Un Mundo Más Justo (PUM+J) para o Senado. Recoñece que os seus postulados son utópicos, pero necesarios «fronte a unha política puramente pragmática en favor dos intereses dos poderosos». Para acabar coa pobreza en Ourense propoñen valorizar a nosa riqueza natural e a actividade agraria e dar un maior apoio ás pemes.

-Din que a dereita preocúpase máis deses poderosos dos que fala e é máis que probable que Rajoy gañe. ¿Abrirase o 20-N un escenario aínda peor para os menos favorecidos?

-Dubido moito que a proposta do PP sexa moi diverxente do que fixo o PSOE ata agora porque ambos están sometidos á política neoliberal. O que moito me temo é que pode que lle vaia mellor aos poderosos, pero os pobres, os inmigrantes e ás zonas empobrecidas como Ourense van seguir igual de mal.

-Di que o PSOE está está sometido á política neoliberal. ¿Está sendo un exemplo diso o goberno municipal con decisións como a privatización das piscinas de Oira?

-Aínda que teño moito aprecio polos nosos actuais gobernantes en Ourense, creo que hai medidas... [vacila] Estamos na provincia máis empobrecida de España e imos afastándonos cada vez máis da media. Sen dúbida, habería que tomar partido por unha distribución moi distinta dos cartos.

-Este ano publicouse o patrimonio dos parlamentarios ourensáns e hai grandes fortunas como as de Isaac Vila ou Pérez de Juan, ¿que opina?

-Dicía san Ireneo, nunha frase que despois tomou Marx, que todo rico é un ladrón, ou fillo dun ladrón ou neto dun ladrón. Quen co seu traballo normal amasa unha fortuna queda inhabilitado para calquera tipo de discurso político.

-Outros, que non son ricos, só traballaron de políticos.

-Dicía Platón que había tres condicións para ser un bo político. A primeira é ser rectos eticamente, ir á política polo ben común. Segundo, estar ben preparados intelectualmente. ¿Como é que hai políticos cunha ínfima preparación? E terceiro, hai que ter unha certa experiencia profesional. A política española está chea de xente que so viviu dos aparellos do partido, sen cualificación intelectual seria, e o resultado está á vista. A política non é para vivir da política, é para servir durante un tempo e logo reincorporarte á vida civil.

Xosé Manuel domínguez PRIETO candidato de PUM+J Ao SENADO