«Zouma é un proxecto único para os artistas galegos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A discográfica ourensá lanza o primeiro traballo de Assembly Point e a segunda obra de Manuel Carballo

12 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Carlos Barandela leva toda unha vida vencellado ao mundo da música, primeiro como artista e logo dende unha das empresas máis coñecidas do sector, Ciba Producciones Artísticas. En 1997 diu un paso adiante cando un músico con inquedanzas lle propuxo crear unha discográfica. E así foi como Carlos Barandela e Juan Carlos Fasero decidían, alá polo ano 1997, poñer en marcha unha productora artística e musical: Zouma Récords (Zouma significa muller en barallete). Fasero deixou Zouma para ir á Agadic.

-¿Cambiou moito a cousa dende os grandes concertos de Ciba?

-De forma radical e un pouco por todo: pola crise, pola situación na que se atopan os concellos e por moitas outras cousas. Ciba creouse hai 30 anos e fixemos concertos cos mellores grupos e trouxemos a Ourense o que soaba nos locais máis reputados do panorama musical daqueles anos. Hoxendía iso non é posible e aínda pior, as débedas das administracións van sumando anos e anos.

-¿No caso de Zouma como é a situación?

-Seguimos traballando e aportando novidades ao mercado. De feito Zouma é un proxecto único para os artistas galegos e leva contribuido a crear ou consolidar a carreira de moitos creadores e bandas. Temos un amplo catálogo, que vai de artistas e grupos de sobra coñecidos como Treixadura ou Cristina Pato, a músicos que están sendo dos máis reclamados e contratados, como Anxo Lorenzo, e novas incorporacións.

-¿Riobó é unha desas apostas?

-Begoña Riobó é unha violinista excepcional e que formase o seu propio grupo foi un acontecemento. A banda está funcionando moi ben porque a traxectoria dela, que tocou con Carlos Núñez, Susana Seivane, Lorenzo e outros artistas de sobra coñecidos, é o mellor dos avais. Con todo, agora imos facer unha campaña de promoción.

-Nestes días lanzan os discos de Assembly Point e Carballo.

-Assembly Point é un proxecto multicultural con músicos coñecidos que se integran en diferentes bandas. Un galego, un irlandés e un portugués que fan un son moi fresco na música folc acústica. Carballo da un paso adiante con este segundo disco, presentándose agora como trío.

-¿Funciona o country galego?

-O primeiro disco de Carballo non foi promocionado como se merecía, neste segundo imos apostar forte por el.

carlos barandela director de zouma récords