Unha mostra lembra a figura do político comunista Santiago Álvarez

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

04 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Santiago Álvarez Gómez (San Miguel de Outeiro, Vilamartín de Valdeorras, 1913 - Madrid, 2002) non tivo unha vida fácil. Como moitos dos homes da súa xeración foi labrego -con só 15 anos xa acudía a Castela á sega-, militante comprometido de esquerdas na época da República, e concelleiro no seu pobo polo Frente Popular, participou nalgunhas das batallas máis importantes da Guerra Civil e tivo que exiliarse para non ser represaliado . Unha vida chea de compromisos e militancias inquebrantables que o levaron a pasar polo exilio en Francia, República Dominicana e Cuba, retornar clandestinamente en 1945 -foi detido e a presión internacional fixo que o consello de guerra o condease a 18 anos de cárcere, fronte á pena capital- e voltar de novo clandestinamente cando foi indultado e deportado a Cuba en 1954.

A vida do comprometido comunista centra a mostra que onte abriu as súas portas no Centro Cultural da Deputación. A iniciativa é froito do convenio de colaboración entre a Deputación e a Fundación 10 de Marzo, en base ao cal o organismo provincial dixitalizou 15.000 documentos do arquivo de Santiago Álvarez. Paneis fotobiográficos, carteis, xornais, libros, un vídeo cos seus testemuños e outros materiais forman parte da mostra sobre o que fora responsable do PCG e candidato ao Congreso por esta formación en 1979.