Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos

Toño Monteiro

OURENSE

30 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Adeus Limia, dos meus ollos, non sei cando nos veremos. Recordo fai moitos séculos cando ollaba dende a aira dos montes de Congostro xurdía ese pequeno mar azul, cristalino coma un espello, reflexando eses destelles de luz e cor coas néboas que xurdían entre a súa vexetación. Era impresionante apreciar toda esa evolución de vida no seu estado natural, esa auga limpa, transparente orixinada polo incesante ciclo hidrolóxico nas concas do Limia, formando esas escorrentas, como as veas do noso corpo que se ramifican ata formar esa arteria principal.

O Limia, que tiña treitos de manso, sosegado e calmo ó paso polas súas ribeiras é forte, rudo e imparable cando se precipitaba por esas fervenzas e canles graníticas que o conducían no ultimo treito cara o seu descanso, ó mar, repetidamente, incansable, século tras século foi xerando coa súa auga, os procesos de regas, abonados e alimentación natural de toda a fauna, flora e sentimentos das persoas que como os de Rosalía eran as érxias da súa inspiración. Se hoxe puidese ollar en que se converteron os seus ríos, morrería tres veces máis o contemplar que xa non podería beber nin bañarse nin encher os seus pulmóns da frescura oxixenada que contiñan as súas fragas, toda unha barbarie de especulación, invasión, contaminación , e destrución total, o ter represadas, estancadas e paradas nos encoros para a produción de enerxía eléctrica dunha forma arcaica.

Estes grandes monstros da electricidade coma Endesa, Iberdrola ou Fenosa, manipulan uns dos elementos vitais do noso planeta como se fosen a mesmísima mafia. Antigamente a este proceso de xerar electricidade chamábanlle enerxía verde, e hoxe so hai que ollar para a presa das Conchas, onde a enerxía non se ve, pero as súas tóxicas augas verdes saltan a simple vista. Para máis colmo Fenosa quere bombear dende a presa das Conchas a auga ata o encoro de Salas, onde a súa presa está afectada nun 48% por aluminose múltiple, tendo xa varias citacións do Goberno para que non se volva represar nela, facendo a todo isto oídos xordos. Esto é de pánico.

Cando non teñan clientes para venderlle os seus kilowatios deixarán os encoros feitos unhas cloacas e unhas letrinas, e os ríos completamente inservibles, invivibles e incheirables. Poñámoslle freo a toda esta corrupción lucrativa, para que non se nos culpe algún día que fomos a civilización, que acabou coa auga potable do planeta azul e nos conlevou o exterminio e desaparición da nosa especie humana.