«A residencia de maiores e o centro de día crearán emprego»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O rexedor de Esgos, sen oposición, aposta por desenvolver iniciativas vencelladas ao turismo e á Ribeira Sacra

22 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Mario Rodríguez González os resultados do 22-M deixárono fóra de xogo. Confiaba en subir algo a representación do seu antecesor no cargo, Manuel Blanco Pérez, pero o apoio masivo dos veciños deixouno sen oposición. Dos 6 concelleiros que tiña o PP no anterior mandato (por 2 do BNG e 1 do PSOE) pasouse a unha corporación integrada por 9 concelleiros do PP.

-¿Agardaba uns resultados como os das municipais?

-Non. Confiaba en subir un concelleiro pero nunca se me pasou pola cabeza que puidese darse esta situación. Asimilada a nova representación o que sentes é unha gran responsabilidade para non defraudar a confianza depositada no meu equipo.

-¿Que prioridades se marca no mandato?

-O máis urxente é abrir a residencia da terceira idade e o centro de día. Coa posta en funcionamento destes servizos, a residencia conta con 60 prazas de o centro con capacidade para 25 ou 30 persoas, vaise dinamizar o pobo porque o compromiso é contratar á xente de Esgos, serán 15 ou 18 postos de traballo, e iso fixará poboación e aportará recursos económicos.

-¿A xestión é municipal?

-Non, fixemos unha concesión por 40 anos a unha empresa e o compromiso que temos coa mesma pasa por poñer en funcionamento estas instalacións antes de seis meses.

-Esgos estaba nas posibles zonas de actuación de Urbaourense ¿contémplase a creación de solo industrial?

-É unha posibilidade que se baralla. Hai meses que se celebrou unha xuntanza para valorar esa intervención e viuse que había 10 ou 12 empresarios interesados.

-¿A ubicación na Ribeira Sacra segue sendo a baza pendente para a dinamización?

-É. Debemos promover máis proxectos conxuntos para dinamizar a zona e no noso caso o turismo debe ser uns dos verdadeiros dinamizadores. Temos lugares como o centro de interpretación de San Pedro de Rocas que atraen a varios milleiros de persoas e por este enclave, por Rocas, pasan ao ano entre 40.000 e 50.000 persoas. Dispoñemos de rutas de senderismo homologadas e moitos outros atractivos dende o punto de vista turístico.

-¿Non van os concellos ourensáns retrasados con respecto aos de Lugo?

-Si. Hai que buscar iniciativas e proxectos para desenvolver máis esta zona da Ribeira Sacra.

mario rodríguez gonzález alcalde de esgos

Mario Rodríguez González naceu en Esgos no ano 1959.

Diplomado en Maxisterio. Xerente na Mancomunidade da Ribeira Sacra.

É un dos máis antigos afiliados do partido na provincia (dende 1977 «eran os tempos de AP e de Vestringe como secretario xeral»). Ocupou o posto de tenente de alcalde entre 1999 e 2003. Non ten adicación, nin exclusiva nin parcial, ao cargo.