«Intentaremos ter unha planta de reciclaxe, un segundo Sogama»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O rexedor popular goberna a capital da Limia con nove concelleiros

19 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antonio Pérez encara un segundo mandato á fronte da corporación de Xinzo. Seguro de si mesmo, goberna con nove concelleiros no PP e ten na oposición a tres edís do BNG, outros tres do PSOE, un de APG e outro de IDAL. Di que a mellora de Trandeiras terá que esperar pola crise e que o Museo do Entroido está orzamentado.

-¿Como se sente despois da eleccións?

-Moi ben, con ánimos, con forza pero con moito traballo por diante para realizar durante estes novos catro anos.

-Do esquema que había antes e o que hai agora, ¿como o ve?

-Eu presenteime con outros 26 compañeiros nunha lista e saímos elixidos 9 e somos o PP. A partires de aí dáme igual. Nós somos o PP e todo o que non estea aí chamarase doutro xeito. Gustaríame que quedara claro que non hai ruptura no PP. Hai uns señores que terán as súas razóns para estaren cabreados, que optaron por outras opcións e hainos que respectar e nada máis. Mais nada teñen que ver co PP. Calquera parecido é pura coincidencia.

-¿Que prioridades ten o alcalde de Xinzo?

-Hai moitas porque segue habendo realmente moitas necesidades pero hai dúas que son moi fundamentais para min: unha é o parque empresarial, vertebralo, traer empresas de referencia porque a situación empresarial e económica é bastante mala. 

-¿E as outras?

-A N-525 e o río Limia, dúas asignaturas pendentes de toda a vida.

-Falando do polígono e de empresas, ¿andan pensando nunha incineradora?

-Eu xa o dixen no pleno da Deputación no seu día, o conselleiro de Medio Ambiente xa o dixo nunha carta e a corporación de Xinzo saínte tamén o dixo nun acordo. Eu manteño que lle seguen dando voltas uns determinados sectores ó tema da incineradora. Pois ben, non sei como teño que dicir que non hai ningunha incineradora para Xinzo. Mentres goberne o PP non hai incineradora para o noso municipio. Determinados sectores e grupos políticos queren mesturar un prantexamento que fixo este grupo de goberno novo, dunha planta de reciclaxe, o que sería un segundo Sogama, e isto non ten nada que ver coa incineradora. Non ten nada que ver unha cousa con outra. Intentaremos traer esa planta de reciclaxe e poñela onde se poda instalar.

-O Goberno díxolle ao BNG que o proxecto do porto no Limia está incompleto polo Concello.

-Por primeira vez Portos vai investir cartos nun cauce fluvial de interior, como o Limia, o cal lle agradecemos. Portos de Galicia financia a obra ó 100% e o Concello ten que solicitar os permisos pertinentes á Confederación. Esta mándanos un informe onde nos pide varios datos, chega un momento no que non demos preparado iso e pedimos unha ampliación. Estamos nese período, dentro de prazo e a menos que ocorra algo extraordinario imos pór enriba da mesa da Confederación todos os estudos que nos piden para facer o porto. Pero Pérez Bouza, unha vez máis, quere falar como senador de A Limia e como non vive nela non se entera.

-¿Subirán impostos ata o 2013?

-Polo de agora en Xinzo de Limia non temos intención de subir imposto algún.

antonio pérez rodríguez alcalde de xinzo de limia

Vilar de Lebres (Trasmiras), 1969

Maxisterio e diplomatura en Empresariais pola Universidade de León. Asesor fiscal.

Cuatro años en el Concello.

Non a ten. Vive do seu traballo como propietario de varias asesorías xurídicas.

«A reforma de Trandeiras debería terse feito en tempos de bonanza»