«No caso de Xero queremos que a Xunta sexa imparcial»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Vilar de Santos recuperará vivendas para atraer poboación cunha axuda de 400.000 euros concedida por Fomento

05 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os resultados do 22-M converteron a Xoán Xosé Jardón Pedras no primeiro alcalde do BNG na provincia que acada un pleno na corporación: nos vindeiros catro anos non terá oposición municipal. Accedeu á alcaldía en setembro de 2005, ao asumir Xosé Antón Jardón a delegación de Industria en Ourense, e revalidou o cargo en 2007 e 2011.

-¿Fixar poboación e crear emprego son as prioridades como en tódolos pequenos municipios?

-Son, mais iso xa o vimos facendo dende sempre. Estamos dende hai anos nos mil habitantes, aínda que nesta ocasión baixamos desa cifra por cuestións puntuais que se superarán e perdimos dous concelleiros, e en Vilar de Santos apostamos sempre por un modelo de desenvolvemento propio mantendo un nivel alto de servizos e calidade de vida.

-O concello ofertou 50.000 metros para Xero ¿cre que a Xunta vai tomar a súa proposta en consideración?

-Nós temos un parque empresarial de promoción e competencia municipal exclusiva. Contamos con 175.000 metros cadrados xa ocupados e unha ampliación de 50.000 metros cadrados que se pode ocupar mañá mesmo porque conta con tódolos servizos e dotacións necesarias. Nós remitimos a nosa oferta ás administracións e á propia empresa e o que reclamamos é que haxa imparcialidade e se nos trate en igualdade de condicións. É o xusto.

-¿Que proxectos vai desenvolver neste novo mandato?

-Vilar de Santos conta cunha ampla cobertura de servizos, que en moitos casos non teñen concellos maiores, e os nosos veciños contan con centro de saúde, de día, servizos sociais e outras iniciativas. Agora imos completar o ciclo da auga cunha nova estación depuradora e tamén imos desenvolver a rehabilitación e posta en valor do casco histórico. Na primeira fase imos recuperar vivendas para poñelas a disposición de parellas e xente nova para fixar poboación a atraer a novos veciños. Isto farase grazas a unha iniciativa do BNG, defendida por Xosé Manuel Pérez Bouzas, pola cal o Estado, a través da Secretaría de Estado de Fomento nos concedeu axudas por valor de 400.000 euros.

-Na xuntanza de hoxe co delegado da Xunta -pola celebrada onte- tamén apuntou a recuperación da aldea de Saa para o turismo.

-O proxecto de recuperación está rematado e agora o que falta é cubrir a fase de equipamentos e dotacións. Queremos ter rematado o proxecto para sacalo a concurso e que sexa unha empresa a que o xestione, daquela pasará a ser esta aldea turística un punto de atracción de xente e un lugar que xenerará postos de traballo para o pobo.

Vilar de Santos. 1968

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo e Dirección de Recursos Humanos na de A Coruña.

Militante BNG dende 1993. Ten adicación exclusiva ao Concello. Está en excedencia no seu posto de coordenador de servizos en Cogami Ourense.