«A dereita ourensá debe recuperar a Cuevillas»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O autor aposta por aproveitar os prantexamentos do «cenáculo ourensán» para implicarse co galeguismo

15 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na librería Duen de Bux presentaba onte o seu libro O pensamento político de Florentino López Cuevillas Juan Manuel Casares Gándara. No seu argumentario Casares Gándara reivindica con convencimento a necesidade de que a dereita galega recupere a identificación con Galicia e co galeguismo como referencia, se quere contar de verdade co apoio dos galegos, e neste caso dos ourensáns, de forma singular e non de xeito puntual e concreto.

-¿Como desenvolve vostede este proxecto?

-O pensamento político de Florentino López Cuevillas é froito dun traballo de investigación desenvolvido no ano 2008, coincidindo coa conmemoración do 50 cabo de ano do pasamento de Cuevillas e o obxectivo é que se converta nunha homenaxe ao que eu considero unha figura senlleira de Galicia.

-¿Conservador, tradicionalista e católico?

-Si. Non hai que terlle medo á realidade, porque iso é o que queren algúns para empregar en beneficio propio a tradición e o bagaxe cultural e político deste país. Cuevillas foi unha figura senlleira que non desmereceu á xente do cenáculo ourensán -Risco, Otero, Noguerol- e que en moitos casos foi máis alá da implicación dos seus compañeiros. O que pasa é que, a diferenza destes, non conta cunha obra escrita que o faga un autor de referencia.

-¿Vostede tivo bastantes dificultades nese senso?

-A obra política de Cuevillas é miuda e o labor de escolma do seu pensamento político precisou da pescuda de todos e cada un dos seus artigos de opinión espallados por toda a prensa do momento, auxiliado polo estudo do resto das súas publicacións. E dese estudo constatamos que o principal valor de Cuevillas é a súa tremenda coherencia en todos e cada un dos eidos da súa vida e produción, tendo como piares fundamentais a Galicia, á tradición e ao catolicismo.

-¿Por que é tan crítico coa dereita ourensá?

-A dereita ourensá debe recuperar o ideario de Florentino López Cuevillas e do cenáculo ourensán. Pero de verdade e non co prantexamento actual da dereita ourensá, que ergue a bandeira do galeguismo de xeito interesado e para enganar á xente e gañar votos, pero non porque crea nese prantexamento. A dereita galega, e sobre todo a ourensá, está obrigada a recuperar o ideario e o corpus dos tempos de Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo e Noguerol para ser unha dereita cada vez menos galega e máis galeguista.

-¿Cuestiona que haxa un compromiso da dereita co galeguismo?

-É falso, unha mentira. Quen manda neste momento na dereita ourensá fai un prantexamento dun galeguismo de pancarta e de etiquetas baleiras. Utilizan o galeguismo con afán electoral, máis a xente xa sabe que non cren nel e os galeguistas non os apoian.

-¿Pódese caer nunha visión reaccionaria?

-Para nada. Eu son de dereitas e galeguista, e non son reaccionario. E resulta un prexuicio que se fale de un posicionamento reaccionario en relación a determinados autores ourensáns. hoxe goberna o PSOE no Estado e o PP é reaccionario por definición: como contrapartida ao poder. E cando gobernaba o PP o PSOE era reaccionario porque xogaba o papel de crítica ao poder establecido para desprazar ao PP e acceder el ao poder. Iso é un proceso democrático normal.

juan manuel casares investigador