O conto de nunca acabar

Julio Fernández

OURENSE

25 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha alegría. Por fin no Concello de Ourense, dentro do Campus Universitario haberá pistas. Primeiro ían ter 300 metros de corda (somentes aptas para adestramentos). No Campus non se pensa moito no atletismo, outros deportes parecen preocuparlle máis. Se nos visitan os ilustres da Grecia clásica que dirían da nosa pretendida «Atenas Ourensá». Por fin decídense por ampliar as medidas regulamentarias a 400 metros. ¡Noraboa! .

Pero a que vén pórlle material sintético en vez de herba. Onde se viu outra. Non ten que dar exemplo a Universidade de «ben facer as cousas». Non ten que ir por diante no saber, na investigación, na apertura das súas instalacións a toda a poboación. Non dubidamos que son as súas instalacións. Pero tampouco esquecemos que son Universidades Públicas e, polo tanto financiadas con medios públicos, é dicir cos cartos de todos. Das que os universitarios son os usufrutuarios principais, pero nunca pechadas o resto da sociedade. Non sei, daquela podo estar trabucado.

Dado que estamos en terreo científico e sabio: Emendar é de sabios, que ben poden quedar os dirixentes actuais (Universidade, Concello, Xunta de Galicia, federativos?), se se comprometen a rectifica-lo entorto. ¿Que solucións pode haber? Quizais moitas. Eu apuntaría a lo menos dúas. A primeira: Cambialo sintético do campo por un medio natural como é a herba. Como mellor elemento para correr, mellor amortiguador para as articulacións, mellor para o desenvolvemento dos deportes de balón como rugby, fútbol e tamén béisbol. E, por outra banda, imprescindible para o desenvolvemento do atletismo (lanzamentos longos de martelo, disco e xavelina).

Por certo, todos estamos orgullosos en Ourense da nosa primeira atleta olímpica, Marta Míguez, pero foi precisamente en lanzamento de xavelina. Flamante recordwoman española que comparte a súa vida matrimonial con Julián Sotelo, tamén olímpico. Pois nin eles nin os seus fillos poderán lanzar nas pistas universitarias de Ourense se non se emenda a desfeita. A segunda solución, non tan boa como a primeira, sería adaptar un anexo suficientemente amplo para estes lanzamentos o máis preto posible á pista principal. Así, por fin Ourense disporía dunhas regulamentarias instalacións de atletismo onde se poden celebrar todo tipo de competicións. Así que non perdemos a esperanza. Emendar, señores dirixentes para que as instalacións cumpran o seu cometido: Estean ó alcance de todos para adestrar e sexan homologables para a celebración completa do atletismo de competición oficial.