Ourense despediu cun acto cívico no Liceo a Marcos Valcárcel

La Voz OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

A súa filla Eire agradeceu en nome da familia os apoios recibidos nestes últimos anos

08 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, lembrou onte no Liceo o compromiso de Marcos Valcárcel (Ourense, 1958-2010) co nacionalismo e a historia de Galicia e a súa faceta de intelectual «fiel nos seus análises e turbulento e apaixoado nos seus argumentos». No acto cívico de homenaxe a Marcos Valcárcel o presidente da Real Academia Galega amosouse convencido de que nun espazo como o pazo do Liceo «pódense ver hoxe cos ollos da alma aquí reunidos a Lamas Carvajal, aos homes da Xeración Nós, a Alexandre Bóveda, a Manuel Suárez e a moitos outros» participando na despedida cívica ao historiador e escritor. Segundo Méndez Ferrín «Marcos Valcárcel estará sempre con nós».

Na homenaxe ao historiador e escritor finado o pasado domingo o seu amigo Alfonso Vázquez Monxardín exerceu de conductor do acto e xunto a el leron textos ou interviron Xosé Lois Carrión, Ánxeles Castro, Carlos Varela, César Ansias, Xan Fonseca, Ánxeles Cuña, David Cortón, Xerardo Méndez, Xosé Luís Méndez Ferrín e Teresa Devesa (que leu un poema de Vicente Aleixandre do que gostaba o homenaxeado). A súa filla Eire foi a encargada de intervir para pechar o acto e fixoo lendo un texto de agradecemento aos amigos do seu pai, a todos os que o apoiaron nestes anos e ás institucións polos recoñecementos recibidos. Coa palabra ateigada e abafada pola emoción que lle impedía por veces ler, a intervención de Eire Valcárcel foi respostada co aplauso pechado dos presentes na homenaxe ao seu pai.

Na súa primeira intervención, na segunda lectura diu conta dun poema remitido polo artista Antón Pulido, Vázquez Monxardín lembrou que os seus amigos, os vencellados ao colectivo Alexandre Bóveda ou a outros proxectos desenvolvidos nestes anos, foron quenes de promover os recoñecementos e homenaxes que Marcos Valcárcel se merecía en vida e que os últimos tempos «Marcos afrontounos con tranquilidade e resignación, todo ollos e sorriso para con todo o mundo».