Editan «Volta e revolta», unha novela inédita do desaparecido escritor Xoán Manuel Casado

La Voz OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

30 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Oito anos despois do seu pasamento Xoán Manuel Casado (Barcelona, 1.949 - 2.002) volta a ocupar un lugar privilexiado na oferta literaria de Galicia e nos andeis das librarías. E faino grazas a un seu amigo, Xesús González Gómez, que recupera unha novela inédita do escritor catalán con ascendencia ourensana, nas terras de Castro Caldelas. Volta e revolta é o título da novela que recupera a editorial de A Nosa Terra e na mesma o protagonista é un guionista de cine que regresa á súa terra desde Francia, co obxectivo de coñecer o lugar donde fora paseado o seu pai no ano 1.936.

Volta e revolta é unha novela curta, 114 páxinas, que o desaparecido escritor elaborou sen puntos e aparte. A historia sitúase temporalmente nos anos noventa e o relato faise en segunda persoa. Para o crítico Xesús González Gómez con esta obra Xoán Manuel Casado demostrou «que se pode escribir unha gran novela curta», situando este texto no extremo oposto á obsesión galega pola novela longa.

Xoán Manuel Casado era avogado do Estado e centrou a maior parte da súa obra en galego na poesía, ademais de ser autor, xunto con Xosé Manuel Salgado, dun extenso libro de conversas con Méndez Ferrín.