A Feira do Libro pasa o ecuador coa presenza dos autores galegos

La Voz OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

03 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Feira do Libro de Ourense vivía onte o seu ecuador cunha xornada de trámite. Os libreiros constatan como pouco a pouco os ourensáns van acudindo ao espazo da praza Bispo Cesáreo e familiarizándose coa nova ubicación da feira, que se ben non leva tanta xente de paso como a rúa do Paseo si que facilita mellor a celebración da feira e a presenza dos ourensáns que queren coñecer as últimas novidades e a oferta que traen á cidade os libreiros e as institucións.

Dúas foron as actividades que canalizaron a proposta da Feira do Libro de Ourense na súa quinta xornada: un obradoiro de marcapáxinas que estivo impartido por Esther Fernández Cabaleiro e a presentación do libro La bandera, enseña institucional y elemento protocolario. Historia, normas y uso, do que é autor Juan José Feijoo Sánchez. A publicación de Feijoo Sánchez é un traballo editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense que incide na normativa ao respecto e na necesidade de cumprir o protocolo, un aspecto este que se soe descoidar nos últimos tempos en relación ás prácticas e costumes que se deben observar en actos oficiais e de representación.

Sorteo de libros

Unha vez pasado o ecuador da feira o certame aposta polos autores galegos ou vencellados á provincia de Ourense. Hoxe corresponderalle o turno a unha escritora consagrada, Rosa Aneiros, e ao éxito editorial do momento: A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos.

A Feira do Libro de Ourense acolle todos os días, como peche, un sorteo de libros.