Cultura editou 7.000 exemplares de «Uxío Novoneyra: A Voz Herdada», de David Rubín e Kike Benlloch
31 may 2010 . Actualizado a las 10:21 h.A xornada dominical da Feira do Libro de Ourense contou coa presentación do cómic Uxío Novoneyra: A Voz Herdada, de David Rubín e Kike Benlloch, e coa sinatura de exemplares da obra Ladrones de historia por parte do seu autor, Pablo Núñez.
Uxío Novoneyra: A Voz Herdada é un proxecto da Consellería de Cultura que foi presentado polo director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, e polo debuxante David Rubín. Francisco López desvelou que Cultura quería contribuir á celebración do Día das Letras Galegas adicado ao autor de Os Eidos cunha publicación que espallase a súa vida e a súa obra e que chegase a públicos de tódalas idades e que o formato da banda deseñada lle pareceu o máis axeitado para logralo. Francisco López salientou ademais que Cultura apostaba deste xeito por promocionar tamén «o traballo que se está a facer por parte dos creadores nesta idade de ouro da banda deseñada que estamos a vivir en Galicia».
Bibliotecas, escolas e feiras
A obra Uxío Novoneyra: A Voz Herdada é unha edición non venal da Consellería de Cultura cunha tirada de 7.000 exemplares. Francisco López sinalou onte que a publicación xa está a disposición de tódolos cidadáns desde a semana pasada en toda a rede de bibliotecas de Galicia, que nesta semana «enviarase a tódalas bibliotecas dos centros escolares de Galicia» e que «ademais repártese de forma gratuita nesta Feira do Libro de Ourense e nas que se celebrarán ao longo do ano por toda Galicia».
David Rubín, autor gráfico da obra, desculpou a ausencia de Kike Benlloch, creador dos textos, e recoñeceu que o encargo non era do seu agrado nun primeiro momento «porque non vía como facer un bó tebeo que pudera recoller a biografía e a obra dun home tan importante como Novoneyra» e que foi precisamente unha conversa con Benlloch sobre a proposta a que lle diu as claves «para crear este tebeo que está feito para ler, disfrutar e chegar ao corazón da xente».
Uxío Novoneyra: A Voz Herdada opta por achegarse ao poeta de forma indirecta: percorrendo as vivencias do protagonista da historia, Celestino, desde os anos 50 ata o 2010 na súa faceta de lector das obras de Uxío Novoneyra.