Adeus en «As uvas na solaina»

La Voz

OURENSE

Cando os blogs aínda eran cousa escasa neste país Marcos Valcárcel creou un con reminiscencias oterianas que se converteu axiña nun sitio de referencia en Galicia: «As uvas na solaina». Espazo na rede que foi obxecto de non poucas distincións e recoñecementos, foron os amigos de Marcos os que se encargaron de mantelo ao día e ir redactando os pensamentos e as ideas que o creador do blog quería transmitir cando este enfermou. Mais o pasado luns as uvas da solaina quedaron mudas cunha entrada titulada «Un lóstrego». Nela Marcos Valcárcel agradece o apoio dos seus amigos, das institucións, da familia, dos medios e dos ourensáns -«e, por suposto, a María e a Eire: por todo»-; cita a amigos desaparecidos nos últimos tempos e a Vicente Aleixandre -«A vida, un lóstrego entre dúas escuridades»- e fala de navigar, «deixar as portas abertas e reconciliarse coa TERRA». Nunha «Nota dos Amigos de Marcos» advírtese que con este artigo «péchase definitivamente o vizoso ciclo d' As Uvas na Solaina. Moitas grazas a todos e todas».