«Queremos conectar aos rapaces de Galicia e Palestina»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

Vencellado ao colectivo Fuga en Rede, este mozo ourensán acaba de chegar de traballar en Cisxordania

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

David Bruzos compaxina o seu traballo como profesor de Física e Química no instituto de Ordes coa súa colaboración como voluntario internacional nunha das zonas máis conflitivas do mundo. Este mozo ourensán está de novo na cidade logo de viaxar por segunda vez a Palestina na súa faceta de cooperante co colectivo galego Fuga en Rede.

-¿Con que obxectivos traballa o colectivo?

-Fuga en Rede é un colectivo que se implica en prestar un pouco de apoio político, non de partido senón de movemento e de defensa de dereitos, en países en conflito. E Palestina é evidente que é un dos países que historicamente levan máis tempo nesta situación.

-¿Cando foi a outra vez que estivo?

-Pasei quince días no ano 2006, co mesmo colectivo.

-¿Cal é o día a día do traballo en Palestina?

-Somos xente que xa participamos en movementos sociais aquí e interésanos saber cales son as alternativas que existen ao conflito, no día a día, en países que están inmersos nos mesmos: como se organizan, cales son as súas vías de escape a eses conflitos. Para nós é enriquecedor coñecer como traballan alí e para eles tamén é importante que vaian doutras partes do mundo a prestarlles un chisco de apoio.

-¿E funciona esa presenza internacional na zona?

-Si. Só a mera presenza de voluntarios internacionais xa é beneficiosa para eles porque a outra parte, neste caso Israel, se «corta» un chisco máis nas súas accións e hai pequenos proxectos que imos apoiando, pequenas accións porque non somos unha oenexé ao uso con cartos públicos, entón o que facemos é a acción directa e persoal alí.

-¿Que proxectos desenvolven?

-Nós traballamos na zona de Cisxordania e hai dous proxectos que consideramos moi interesantes. Un deles é de información alternativa, da que non sae nos medios israelís.. Chámase AIC e alí traballan 19 persoas, tanto palestinos como israelís e de aí nace tamén o seu interese por ser un centro de persoas que traballan por un proxecto común para os dous pobos.

-¿E o outro?

-É nunha pequena aldea, Nilín, de 5.000 habitantes que está pegada ao muro de Israel -de feito parte das propiedades están divididas- e rodeada por cinco asentamentos de colonos israelís; toda Cisxordania é unha pequena gaiola. As autoridades tentan mobilizar aos cidadáns e todos os venres se manifestan contra o muro. Alí restaurouse un edificio e hai obradoiros para rapaces e mulleres, centro de saúde e outras propostas.

-¿Desenvolveron outras iniciativas?

-Fixemos entrevistas aos rapaces de alí preguntándolle como é a súa vida, como lles afecta a ocupación e a presenza dos militares e como cren que será o seu futuro. Agora imos facer o mesmo cos meus alumnos en Ordes e logo elaboraremos un vídeo conxunto que se exhibirá aquí e alí e conectaremos aos rapaces de Galicia e Palestina.