O célebre vídeo «A amante de Tano»

María Álvarez Lires

OURENSE

14 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando recibín a noticia da existencia do tristemente célebre vídeo A amante de Tano non daba creto ao que vía e escoitaba. Pensei que se trataba dunha broma de mal gusto, pero cando lin na prensa o anuncio oficial da campaña dun clube de fans virtual do candidato a reitor, Salustiano Mato, baixo o lema euxtanomato coa súa efixie, quedei sen palabras. Mais o realmente penoso foi que malia a petición de que se retirase o vídeo -xa que calquera pode cometer un erro e sempre hai que dar tempo a rectificar- semella que houbo que agardar a que o Instituto de la Mujer fixese unha petición oficial. A segunda cuestión lamentable é que se desboten responsabilidades dicindo que foi obra «duns chavales»; ninguén utiliza unha imaxe, e menos a dun candidato a reitor sen o seu coñecemento, e, se así fose, a reacción inmediata sería desautorizar esa utilización.

E miren vostedes por onde, o dominio no que se aloxa a páxina euxtanomato está rexistrado a nome dun xornalista responsable dun coñecido medio de comunicación galego e non ao dun colectivo de estudantes. As persoas que rexeitamos o uso da imaxe da muller como obxecto sexual non somos «estreitas», nin «carentes de humor» nin «puritanas». Non nos alporizamos diante de novelas, arte nin cine erótico, pero o humor e o erotismo, que non son o mesmo que o sexismo, teñen o seu lugar, o seu tempo e o seu espazo. Non precisamos que un candidato nos deixe «satisfeitas», a non ser que se trate do ámbito da investigación, da docencia, da igualdade e da transparencia. Iso é o que lle pedimos a un candidato ou candidata a gobernar na nosa universidade; o demais sobra.

E o alumnado non precisa ser tratado coma seres carentes de miolos nuns vídeos pouco enxeñosos. Cumpre unha reflexión colectiva sobre os valores en que estamos a educar nunha institución, que se supón que debe ser berce de excelencia e calidade, na que un recente diagnóstico afirmaba que estaba á vangarda da igualdade. Os recentes acontecementos non o avalan.