O Pazo dos Ulloa, na localidade ribadaviense de Esposende, volveu ser onte escenario principal de reivindicación do uso da lingua galega no mundo do viño, un sector abandeirado neste campo, a través da asociación cultural Álvaro das Casas que entregou os premios Bacelos de Prata.
Nesta sétima edición do galardón os elixidos foron a adega Durán, S.L., da denominación de orixe Rías Baixas, «pola utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade comercial no ano 1989 na etiquetaxe e publicidade da súa marca: Vento Mareiro e pola defensa que fai da identidade galega e a participación en proxectos destinados a defenderen as estruturas empresariais das pequenas e medianas adegas para teren maior presenza nos mercados e afortalar, dese xeito, a economía do sector na contorna», explica a acta do xurado.
Emilio Docampo Diéguez da denominación de orixe Ribeiro, tivo tamén o seu recoñecemento, neste caso, «pola incorporación ao proceso de galeguización do sector vinícola galego coa súa marca Casal de Paula D.H. e a aposta persoal deste colleiteiro por manter a tradición familiar na elaboración de viños de calidade que se remonta ao inicio do século XX».
Avelino Muleiro, presidente da asociación Álvaro das Casas, rememorou ademais a celebración do 85 aniversario do I Congreso de Economía de Galicia, celebrado en Lugo, que supuxo a proposta de crear no Ribeiro un centro de investigación para a mellora do sector vinícola, que se concretou, en 1995, coa Estación Enolóxica de Galicia. Defendeu tamén incentivar a produción de viño tostado.