«É moi significativo o apoio dos ourensáns ás nosas campañas»

OURENSE

A responsable da Mesa defende a necesidade de afortalar o ensino e cre que Rosa Díez «despreza a todo o pobo galego»

20 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A proposta do decreto do galego impulsada pola Xunta movilizou á sociedade galega e, de xeito especial, a colectivos como a Mesa Pola Normalización Lingüística ou á CIG. Susana García é a responsable da Mesa en Ourense.

-¿Canto tempo leva vencellada ao colectivo?

-Como membro da Mesa levo nove anos e como responsable da mesma na cidade dende finais do 2008.

-¿Os ourensáns están implicados na defensa da lingua galega?

-No caso de Ourense temos uns 300 afiliados, o que non está nada mal e implica unha concienciación e apoio ás reivindicacións e iniciativas en defensa do galego. Iso en Ourense, porque tamén hai delegacións da Mesa nas comarcas de Valdeorras e O Carballiño.

-¿Que actividades desenvolven ao longo do ano?

-Nesta etapa marcámonos un funcionamento en base a obxectivos e dous concretos para o pasado ano foron os de dar a coñecer a Mesa pola Normalización Lingüística en Ourense e incidir na galeguización do nome das rúas da cidade. A maiores participamos en propostas como Os Maios, co noso maio e as coplas, desenvolvemos campañas como a sinatura do manifesto pola convivencia lingüística e logo xa foi cando nos implicamos na plataforma en defensa do galego unha vez que se promoveu o da proposta do galego. A Mesa e a CIG fomos dous dos colectivos vencellados ao movemento.

-¿E a xente resposta a eses prantexamentos?

-O apoio dos ourensáns é moi significativo ás campañas que nós facemos. A xente respalda as nosas demandas coa súa sinatura, piden material da Mesa para coñecer mellor o noso traballo e vemos que hai unha boa acollida ás nosas reivindicacións.

-Iso a pesares de que só o 6% dos ourensáns son galego falantes segundo vostede mesmo recoñecía hai uns meses ¿onde radica a orixe do problema?

-Na educación. Esas cifras do Mapa Sociolingüístico son unha traxedia. Sempre estivemos na crenza de que había moitos máis galego falantes na provincia de Ourense en relación a otras zonas da comunidade, aínda que o novo mapa deixa iso en evidencia. É fundamental implicar ás novas xeracións e fomentar a lingua na educación, aí é onde está a importancia do decreto do galego e por iso rexeitamos a actual proposta.

-José Blanco só fala en castelán cando está en Galicia e a Mesa felicitao por empregar o galego no Senado ¿como o ve?

-Felicitámolo porque tódolos pasos adiante na defensa do galego merecen o noso apoio. Pareceunos perfecto e sería de desexar que continúe nesa liña e empregue tamén o galego cando está en Galicia.

-¿E Rosa Díez?

-Xa era coñecido o seu desprezo polas linguas minoritarias e a súa implicación con Galicia Bilingüe. Agora despreza a todo o pobo galego.