Na Travesía C de Portocarreiro, no número 7, amosa o alaricano Ramón Cid Conde un cartel luminoso na fachada do seu negocio que non deixa lugar a dúbidas: «Arreglo de máquinas de coser».
-¿Cal é o nome oficial do negocio?
-Ese que se le no cartel, que a fin de contas é o que se fai aquí, arranxar máquinas de coser.
-¿Cantos anos leva de oficio?
-Máis de 20, aínda que non sempre estiven aquí. Traballei para Alfa Galicia, estiven en Pontevedra e dende hai 12 anos estou establecido aquí.
-¿Ten moita demanda a reparación de máquinas de coser?
-Coa crise hai moita máis xente que chega coa máquina para que se lle repare. E así como hai máis demanda na reparación hai moito menos casos de xente que veña a mercar unha máquina de coser nova.
-¿Con que firmas traballa?
-Temos máquinas Alfa, Refrey e Sigma, entre outras.
-¿Non baixou moito a demanda? digoo porque cada vez cósese menos nas casas.
-É certo que non hai a tradición de antes, pero si que existe todavía unha importante demanda de máquinas novas e de reparación. Obviamente si que non é como antes que a máquina de coser era un dos agasallos da voda.
-¿Restauran máquinas antigas?
-Si, mais restaurar unha máquina de coser antiga dá moito traballo, moitas horas, e iso encarece o prezo.